As cinco plataformas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que integran SOS Sanidade Pública presentaron este sábado as máis de 12.000 sinaturas recollidas durante os últimos meses.
Representantes de SOS Pontevedra, Seixo-Marín, O Salnés, Sanxenxo e Cerdedo entregaron todos estes apoios no rexistro da Xunta de Galicia en Campolongo.
Estas sinaturas supoñen a postura da cidadanía contraria á privatización do futuro aparcadoiro do Hospital Gran Montecelo, que suporía pagar por deixar o coche na contorna do centro, e a favor de mellorar a conexión en transporte público desde os distintos concellos da área sanitaria.
"Non imos a permitir que privaticen o aparcamento para facer negocio coa nosa enfermidade, nin que fagan co Gran Montecelo o que fixeron co Álvaro Cunqueiro de Vigo", sinalou Iria Aboi, da plataforma de Seixo e Marín.
Consideran un éxito ter acadado estas máis de 12.000 sinaturas, que supoñen case as 15.000 que farían falta para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), aínda que nesta ocasión preferiron non optar por esa fórmula para gañar celeridade á hora de recollelas, para "responder rápido e sen todo o papeleo dunha ILP".
A demanda das cinco plataformas é que o aparcamento do Gran Montecelo "sexa público e gratuíto" e denuncian a "intención de privatizar este aparcamento" como "un exemplo máis de como o Goberno da Xunta regala cachiños da nosa sanidade a empresas privadas", en palabras de Aboi.
Esta activista denuncia que a Xunta "quere pagarlle á empresa 440.000 euros cada ano durante 25, o que é un total de 11 millóns de euros públicos", ademais doutros tres millóns ao inicio "para garantir a viabilidade da concesión". Serían case 15 millóns de euros públicos para a empresa e, ademais, os usuarios deberían pagar.
"Rirse na nosa cara", valora Aboi, que se pregunta que significan os "prezos asequibles" para a Xunta. "Asequibles para quen? Para quen cobra salarios como o conselleiro ou como o presidente Rueda? Ou asequibles para calquera xubilado medio deste país?".
Anxo Lúa, da plataforma do Salnés, insistiu en que "o que non entendemos é como se pode crear un apartamento en teoría público e unha empresa privada poida facer negocio coa nosa saúde e coas nosas necesidades".
Para as plataformas, "a privatización do aparcamento é o primeiro pelotazo no Gran Montecelo e non descartamos que queiran facer máis" e insisten en que os servizos dun hospital público deben ser públicos.
Ademais de amosar o seu rexeitamento ao pagamento no aparcadoiro, con estas sinaturas tamén piden unha reunión co conselleiro de Sanidade no prazo de 15 días. De non ter resposta, estudarán emprender accións, pois "coa nosa saúde non se xoga".
Juan Loureiro, da plataforma de Pontevedra, considera que reunir estas sinaturas en tan pouco tempo debería significar que o conselleiro e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "terán que plantexarse algo".
Así, considera que "é de recibo, co número de firmas que temos, que se senten con nós a falar".
Insiste Loureiro en que "isto non vai de partidos políticos, isto vai de que a cidadanía da área sanitaria non está disposta nin quere que lle privaticen unha aparcadoiro" e indica tamén que parece que ve máis preocupada á poboación do resto da área sanitaria e non á do municipio de Pontevedra.
As sinaturas tamén reclaman mellor transporte público a Montecelo. Carmen Fontenla, da plataforma de Cerdedo, sinalou, por exemplo, que os autobuses de Mombús que pasan pola súa zona "teñen uns horarios determinados" que fan que para a poboación deses municipios sexa "complexo" desprazarse.
Belén Fernández, A Chapuza, da plataforma de Sanxenxo, insiste nesa necesidade de contar cun transporte público "que sexa digno e de calidade para que a xente se poida mover".
Carmen Fontenla tamén quixo destacar que nas sinaturas recollidas tamén están os apoios de sanitarios de distintas categorías que traballan en Montecelo e solicitan un aparcadoiro gratuíto.