Máis de 250 nenos participaron nos campamentos de verán de Marín

Marín
31 de agosto 2021

Na clausura a alcaldesa destacou que "estas iniciativas públicas axudan á conciliación e ao fomento do ocio da rapazada de Marín e por iso seguiremos apostando pola súa organización"

Participantes no campamento municipal de Marín Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada da concelleira de Educación, Marián Sanmartín, visitou este martes á rapazada participante nos campamentos de verán organizados polo Concello e que hoxe chegaron á súa fin.

Como despedida, os nenos gozaron dunha mañá na Finca de Briz, ata onde se trasladaron as representantes do goberno local e onde puideron intercambiar impresións co monitorado, que se encargou de explicarlles o bo funcionamento que tiveron as sesións.

"Con este tipo de oferta pública conseguimos, por unha banda, ofrecer unha alternativa de ocio para os máis pequenos da casa, que precisan de estímulos e de diversión durante a época do verán, pero ademais fomentamos a conciliación familiar nunha época do ano na que os pais e nais teñen máis dificultade por non hacer colexio", explicou a rexedora.

En total, durante os meses de xullo e agosto máis de 250 nenos participaron nestes campamentos, que este ano se desenvolveron entre as instalacións da Laxe e as casas de cultura de Seixo e Mogor.