Maltratar a golpes de clic

Sanxenxo
02 de decembro 2014

Os alumnos de segundo e terceiro da ESO asistirán o martes a unha charla preventiva sobre o uso das novas tecnoloxías no ámbito público, privado e íntimo

Acoso nas redes sociais Youtube

Previr que o uso das tecnoloxías das información e da comunicación sirvan para a violencia machista, sensibilizar acerca deste feito e fomentar un bo uso de internet, son os obxectivos da xornada 'Violencia de xénero en contextos dixitais', que terá lugar o próximo martes.

Ao redor de 75 alumnos e alumnas de segundo e terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria serán os destinatarios desta iniciativa promovida polo CIM do Concello de Sanxenxo e que se desenvolverá nos tres centros educativos que imparten este ciclo.

Tal e como comentaron dende o Centro de Información á Muller, as charlas, cunha duración de noventa minutos, celebraranse utilizando un método activo, cooperativo, participativo e construtivo co obxectivo de abordar en grupo este tema, no que "a participación do alumnado será imprescindible".

Nesta intervención trataranse cuestións como o uso que lle dan os estudantes ás novas tecnoloxías; a súa utilización pública, privada e íntima e os perigos que leva consigo.

Esta actividade levarase a cabo no marco do acordo de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a conformación dunha rede de entidades locais contra a violencia de xénero, na que participa o Concello de Sanxenxo.