'Mañá será outro día', un roteiro mergullarase en novembro na relación entre a literatura, o exilio e Pontevedra

Pontevedra
27 de outubro 2025

A memoria histórica será a protagonista do mes na cidade, cunhas xornadas destinadas a analizar o exilio galego dentro do Ano Castelao e do aniversario dos asasinatos do 12 de novembro

Demetrio Gómez e Montse Fajardo

A memoria histórica será a protagonista do mes de novembro un ano máis en Pontevedra. Como xa é habitual nos últimos tempos, organizaranse actividades para analizar e recuperar a memoria e a pegada do franquismo coincidindo co aniversario dos asasinatos do 12 de novembro

Este 2025, ademais, terase en conta que se está a conmemorar o Ano Castelao e toda a programación terá relación co exilio, en lembranza do exilio en Bos Aires de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. 

As dúas citas fundamentais do mes serán o roteiro 'Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra' os días 15 e 22 de novembro e as 'Xornadas do exilio' os días 14 e 15. 

O concelleiro de Memoria, Demetrio Gómez, e a escritora, xornailsta e especialista en memoria histórica Montse Fajardo, coordinadora do programa, presentaron a programación este luns. 

O roteiro será o sábado 15 ás 16.30 horas e o sábado 22 ás 12.00 e ás 17.00 horas. Da man de Maos Innovación Social, ofrece unha visión global sobre a relación entre a literatura, o exilio e Pontevedra.

Visitará oito espazos e profundará e figuras como Xosé Sesto, Ramón de Valenzuela, Josefina Arruti, Osorio-Tafall ou Paz-Andrade.

Demetrio Gómez explicou que este roteiro trata da pegada do exilio e das vidas "moi duras tanto para os que marcharon como para quen quedou no país" e quere "abrir unha fiestra a esperanza". Por iso o título elixido, 'Mañá será outro día', a derradeira frase do Sempre en Galiza de Castelao. 

Dura hora e media, está pensado para para público adulto (a partir dos 16 anos), cun máximo de 30 participantes por sesión e é precisa inscrición previa na seguinte ligazón: https://apuntate.pontevedra.gal/mana-sera-outro-dia

Tamén é precisa inscrición previa nesta ligazón (https://apuntate.pontevedra.gal/xornadas-do-exilio-galego/) para as xornadas previstas o días 14 e 15 no Centro Social do Gorgullón, tamén destinadas a analizar o exilio galego.

O venres a xornada chamarase 'Fuxir da Barbarie' e, segundo explicou Fajardo, abrirá a conferencia inaugural 'Un exilio peculiar dentro do exilio republicano', a cargo de Xosé Manuel Núñez Seixas, coa que buscan "contextualizar o exilio galego dentro do exilio español".

A continuación, será momento da mesa redonda 'As vías de escape', con Eliseo Fernández e Roberto Mera, que falará da "propia fuxida en si". Eliseo Fernández é experto nas rutas marítimas e falará, sobre todo, do exilio da xente traballadora. Roberto Mera falará sobre Osorio-Tafall e Viana, "galegos que estiveron á fronte do servizo de evacuación de refuxiados".

Despois da pausa do café, pechará a xornada outra mesa redonda, 'O exilio que non remata: Portugal e Francia, anos 70', con Elvira Souto e Encarna Otero, para falar do exilio dos anos 70, porque "ás veces, cando se fala do exilio, parece que foi no 36, no 39, e que a partir de aí rematou. E é importante lembrar que hubo galegos e galegas que se exiliaron nos 70". 

O sábado a xornada será 'A vida no exilio' e abrirá coa mesa redonda 'As galegas de ultramar', moderada por Alba Tomé. Participarán a propia Montse Fajardo, Nancy Pérez e Carme Vidal e axudarán a dar unha "perspectiva de clase e de xénero" ao exilio, pois falarán de "como vivían as mulleres galegas no exilio".

A conferencia 'A cultura do exilio' de Inma López Silva e a conferencia de clausura 'Castelao e o Consello de Galiza' a cargo de Ramón Villares compeletarán a programación, cunha recta final centrada "no que se fixo no exilio a nivel cultural" e na "loita política de Castelao". 

Montse Fajardo destacou que a maioría das ponentes son mulleres, un dato importante porque "sempre se nos di que as mulleres non traballamos na memoria, que no tema memoria histórica non hai mulleres". Con este programa queren demostrar que non é verdade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora