Manifestación dos vendedores ambulantes para montar o mercado na Alameda

Pontevedra
28 de xullo 2023

Os comerciantes concentráronse na Alameda, lugar no que celebraron os últimos mercados co beneplácito do anterior goberno bipartito no Concello

Protesta dos ambulantes reclamando a feira na Alameda
Protesta dos ambulantes reclamando a feira na Alameda

Novo episodio no conflito entre vendedores ambulantes e o Concello de Pontevedra. Despois de levar o asunto ao Xulgado pola prohibición de montar os seus postos o pasado sábado na Alameda, o colectivo de vendedores levou a cabo a última hora da tarde deste xoves unha concentración de protesta na Alameda.

Quéixanse da súa volta a Rafael Areses, ubicación que está recollida na ordenanza e o lugar no que o goberno de Pontevedra que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores quere devolvelos despois de que o anterior goberno bipartito os autorizara a montar o mercado dos sábados pola mañá na Alameda.

Os ambulantes néganse a regresar á beira do río e están dispostos a loitar para conseguir quedar no centro da cidade. 

Alegan os ambulantes, a través da súa portavoz Margarita González, que na Alameda "non hai nada" que lles impida continuar, polo menos, ata as Festas da Peregrina "e logo hai dúas fins de semana libres ata a Feira Franca" e o mesmo pasa co tríatlon. "É simplemente un capricho político do señor Lores", subliña a presidenta do colectivo.

Na protesta participaron boa parte dos 55 comerciantes que integran o colectivo, concentráronse neste céntrico parque para ler un manifesto e dirixirse a pé cara á rúa Michelena para concentrarse diante da sede do Concello, ante a que volveron repetir as súas proclamas e buscaron o apoio da cidadanía cunha recollida de firmas.