O goberno municipal de Pontevedra puxo sobre a mesa a súa proposta para o traslado permanente da feira ambulante dos sábados, e non é Rafael Areses pero tampouco a Alameda, onde se celebraron as últimas edicións e espazo que defendían os vendedores ambulantes.
Segundo explicou a concelleira Anabel Gulías, a Xunta de Goberno Local celebrada este venres acordou propoñer como localización definitiva a Avenida de Bos Aires, entre as pontes do Burgo e Santiago.
"Esta proposta nos gusta porque é unha declaración de intencións, para revitalizar unha zona da cidade como é a zona monumental", explicou Gulías en base a un informe elaborado nos últimos días no que se chegaron a valorar ata seis posibles emprazamentos.
"É unha aposta decidida polo comercio local e de proximidade. Case todas as feiras emprázanse nos entornos dos mercados de abastos", engadiu a edil.
A Avenida de Bos Aires foi valorada cun total de 154,35 puntos (dun total de 200) en base a criterios como a idoneidade do espazo para esta actividade, o atractivo comercial do emprazamento ou os criterios de axentes interesados (ambulates e outros colectivos e asociacións veciñais), pero tamén a puntos como a superficie total dispoñible, a facilidade operativa, as barreiras arquitectónicas ou a súa dispoñibilidade ao longo do ano.
Nesta clasificación a segunda localización mellor valorada foi Campongo (118,47 puntos), seguido da Alameda (103,68) e Rafael Areses (98 puntos). Os outros dous espazos estudados, a Rúa Serra e Arcebispo Malvar descartáronse por non contar con superficie suficiente.
Neste caso "estamos falando de cortar o tráfico entre a ponte do Burgo e de Santiago, deizando acceso por un só carril ao mercado e ao carga e descarga. Habería espazo dabondo e habería posibilidade de crecemento cara a ponte das Correntes", explicou Anabel Gulías.
Esta proposta acordada na Xunta de Goberno será agora trasladada a todos os interesados, en especial ao colectivo de vendedores ambulantes que "mostraron a súa vontade de permanecer na Alameda", lembrou a representante do goberno municipal. A pesar diso espera que "teña o máximo consenso posible" co compromiso municipal de "darlle celeridade e facelo canto antes se as partes aceptan a proposta".