Manuel Campos urxe o asfaltado de case 33 quilómetros da N-640 en Cuntis

Umia
27 de novembro 2025

O alcalde falou co subdelegado do Goberno, Abel Losada, para impulsar dúas demandas: visitas do vehículo do DNI móbil e que se licite de inmediato o proxecto de mellora da principal vía de comunicación da vila

Reunión de Manuel Campos con Abel Losada e Juan José Díaz na Subdelegación del Gobierno en Pontevedra Concello de Cuntis

Esta semana, Manuel Campos, alcalde de Cuntis, mantivo unha xuntanza co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, para abordar dous asuntos.

Por unha parte, manifestou o interese de que o vehículo de documentación da Policía Nacional (VIDOC) visite o municipio e, por outra, demandou información sobre os avances no proxecto de asfaltado integral da estrada N-640.

No encontro, no que tamén participou o comisario xefe provincial, Juan José Díaz, estudouse a posibilidade de que a furgoneta de expedición do Documento Nacional de Identidade (DNI) se desprace a Cuntis cunha periodicidade de dous meses.

O comisario xefe comprometeuse a analizar a viabilidade da solicitude.

O rexedor cuntiense fixo fincapé no valor desta medida para un concello rural. Segundo Campos, esta prestación sería "especialmente beneficiosa para a veciñanza, evitando desprazamentos, sobre todo entre as persoas maiores, e que contribuiría a equilibrar os servizos con outros concellos de maior poboación”.

Outro dos temas centrais da reunión foi a mellora da N-640. O subdelegado do Goberno informou ao alcalde de que o proxecto para o asfaltado integral desta vía, que transcorre entre o límite con Caldas de Reis (punto quilométrico 190) e o alto de Xindiriz (punto quilométrico 223), atópase moi avanzado.

Trátase dunha reparación moi exhaustiva da capa de rodadura nun tramo de 33 quilómetros, valorada en preto de 12,4 millóns de euros.

Losada trasladoulle a Manuel Campos a vontade do Ministerio de Transportes de licitar a obra "nos próximos meses".

Ambas as partes acordaron facer un seguimento periódico do proxecto, que representa un compromiso adquirido co alcalde de Cuntis tanto pola Subdelegación como pola Delegación do Goberno e a Demarcación de Estradas en Galicia.

Manuel Campos avaliou "moi positivamente" o resultado da xuntanza e agradeceu a predisposición da Subdelegación á hora de atender "demandas que son moi importantes para a veciñanza de Cuntis”.