Manuel Souto recibirá un recoñecemento na antesala do 1 de Maio

Pontevedra
26 de abril 2026

UXT, o PSOE e a Fundación Luís Tilve porán en valor unha traxectoria de máis de catro décadas vinculada á defensa dos dereitos laborais

Manuel Souto González PSOE de Pontevedra

A UXT, o PSOE e a Fundación Luís Tilve decidiron render homenaxe a Manuel Souto González, actual secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas do sindicato nas comarcas de Pontevedra, Arousa e Deza.

O tributo celebrarase o próximo 30 de abril nun xantar en Lourido, no que se porá en valor unha traxectoria de máis de catro décadas vinculada á defensa dos dereitos laborais, especialmente nun sector tan complexo como o da pesca.

Souto iniciou o seu camiño sindical a finais dos anos 70, afiliándose a UXT na Coruña en 1979, nun momento fundamental para a consolidación dos dereitos laborais en España.

Pouco despois integrouse tamén na Agrupación Socialista de Marín e participou activamente na consecución do primeiro convenio de pesca, un fito na regulación do sector.

O seu percorrido estivo marcado pola implicación directa en conflitos laborais de gran calado. Un dos máis destacados tivo lugar en 1991, cando participou na xestión dunha folga no sector pesqueiro en Marín e Vigo que se prolongou durante dous meses e que terminou cun laudo de obrigado cumprimento.

Durante os anos 90 e principios dos 2000, Souto asumiu responsabilidades de ámbito estatal dentro da federación de transporte, comunicación e mar de UXT, coordinando o sector marítimo e participando en importantes negociacións. Entre elas, os convenios que afectaban os traballadores do banco canario-sahariano ou os acordos no ámbito do marisqueo en Huelva.

Tamén tivo unha destacada proxección internacional, formando parte de órganos de representación dos traballadores en entidades como a Federación Internacional dos Traballadores do Transporte ou a Federación Europea do Transporte. Desde estas plataformas participou en negociacións colectivas e en reunións con institucións europeas e internacionais, incluíndo a Comisión Europea e a Organización Internacional do Traballo.

Desde a Fundación Luís Tilve destacan que Souto representa "os valores do compromiso e a loita sindical" nun sector historicamente marcado pola dificultade de alcanzar acordos colectivos.

A homenaxe enmárcase nos actos previos ao Día Internacional dos Traballadores, unha data que cada ano serve para reivindicar dereitos laborais e lembrar o papel de quen contribuíron a conquistalos. Neste caso, con nome propio e ligado ao mar.