O Concello de Poio pon o broche a un San Xoán "inesquecible" tanto pola afluencia de público como pola programación, que durante seis xornadas ofreceu 35 actividades sen rexistrar incidencias de gravidade.
A edición deste ano deixa cifras relevantes, como as máis de 2.000 racións repartidas na sardiñada popular e a elevada participación que a sitúa entre as máis multitudinarias dos últimos tempos.
O alcalde, Ángel Moldes, fixo un balance "moi positivo" subliñando o "ambiente extraordinario" vivido no municipio. "É unha festa que representa o noso orgullo, as nosas raíces e a nosa identidade como pobo", destacou.
As festas comezaron co pregón de Juan Mariño, a entrega de recoñecementos aos mellores deportistas e clubs da tempada e a verbena no Campillo. A noite de San Xoán volveu concentrar a maior afluencia de xente na Seca, onde a tradicional sardiñada alcanzou cifras históricas.
Entre as novidades, destacou o espectáculo de lume antes do aceso da fogueira e a presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos actos oficiais e litúrxicos do día 24.
Tamén encheron o recinto as orquestas Panorama, Marbella, Kubo e Capitol.
O rexedor quixo pór en valor a implicación do tecido asociativo local, con iniciativas como os concertos itinerantes da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio, a elaboración do tradicional cacho de San Xoán ou a participación de corais, agrupacións musicais e colectivos culturais do municipio.
Así mesmo, destacou a presenza de grupos locais nas verbenas nocturnas, compartindo cartel con formacións de referencia, así como a aposta polo talento poiense coa exposición 'Metamorfose', de Sara Ramos, no Casal de Ferreirós.
Por último, Ángel Moldes agradeceu o traballo dos servizos implicados e á colaboración veciñal, que permitiu que todas as actividades desenvolvésense con total normalidade.