Cinco colectivos sociais uníronse para organizar unha xornada completa de reivindicacións para pedir aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo; á Deputación de Pontevedra; á Xunta de Galicia; a Adif; e aos ministerios de Fomento e Medio Ambiente unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo aproveitando as vías do tren en desuso, así como unha conexión de transporte público entre Chapela e Vigo compatible coa Vía Verde.
A xornada reivindicativa, que é continuación de marchas co mesmo obxectivo realizadas no pasado, será o domingo 9 de outubro e está impulsada polos colectivos Pedaladas, A Golpe de Pedal Vigo, Arousa En Bici, a asociación de veciños de Chapela e a asociación Salinas do Ulló de Vilaboa.
Pedaladas organiza unha ruta en bicicleta de montaña que complete o percorrido entre Pontevedra e Vigo parando en reunións de manifestantes en Arcade, Redondela e Chapela. A ruta require de inscrición previa e está limitada a 49 ciclistas pola lexislación vixente en materia de tráfico.
A Golpe de Pedal vai facer unha ruta en bicicleta por Vigo que se unirá á que chega de Pontevedra. Non ten límite de participantes e é de acceso libre.
Salinas do Ulló de Vilaboa vai facer unha ruta a pé polas vías do tren entre o local social de Figueirido e Arcade.
A asociación de veciños de Chapela vai facer unha ruta a pé entre Chapela e a porta do Sol de Vigo, á que se sumarán a medio camiño na praza Estación as dúas marchas ciclistas de Pontevedra e Vigo para terminar todos xuntos na Porta do Sol.
O proxecto reclamado sería unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela aproveitando o trazado das vías do tren en desuso e entre Redondela/Chapela e Vigo un tranvía lixeiro cunha plataforma ao lado para ciclistas e peóns.