Reclaman con marchas a pé e en bicicleta unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela

Pontevedra
09 de outubro 2016

Este domingo 9 de outubro as asociacións de ciclistas Pedaladas, A golpe de Pedal Vigo e Arousa En Bici xunto coa asociación de veciños de Chapela e a Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa organizan marchas reivindicativas

Antigas vías do tren
Antigas vías do tren / Masa Crítica

Colectivos de ciclistas e asociacións veciñais levan a cabo este domingo 9 varias marchas para reclamar unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela aproveitando o trazado das vías do tren en desuso, camiños e estradas secundarias. Ao mesmo tempo, solicitan un sistema de travía lixeiro para recuperar o tren de proximidade entre Redondela e Vigo.

A asociación Pedaladas organizou unha ruta en bicicleta de montaña que complete o percorrido entre Pontevedra-Vigo. A saída é ás 9.30 horas da praza de España e levarán a cabo reunións de manifestantes en Arcade, Redondela e Chapela. Pola lexislación vixente en materia de tráfico, esta ruta atopábase limitada a 49 ciclistas.

Pola súa banda, a asociación A Golpe de Pedal realizará unha ruta en bicicleta durante este domingo por Vigo á que se unirá a que procede de Pontevedra. Neste caso, non hai límite de participantes e finalizará ás 13.00 horas en Pórtaa do Sol.

A asociación Salinas do Ulló de Vilaboa sumarase a estas iniciativas cunha ruta a pé polas vías do tren entre o local social de Figueirido (9.30 horas) e Arcade, coa presenza do alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.

Con estas marchas quérese facer fronte á negativa do ministerio de Fomento de levar a cabo esa Vía Verde que demandan estes colectivos. Os representantes solicitarán tamén reunións co diferentes goberno municipais afectados, coa Deputación, a Xunta de Galicia, Adif e co ministerio de Fomento e co de Medio Ambiente para a creación desta vía que, entenden, supoñerá unha mellora na mobilidade ciclista e peonil.