Marconsa executará as obras de mellora da pavimentación e sinalización do parque empresarial de Nantes. A súa oferta económica, 84.700 euros, supón unha rebaixa de 38.643 euros respecto ao prezo de licitación, 123.343 euros.
A adxudicataria comprométese a realizar os traballos nun prazo máximo de 40 días e tamén a acometer as dúas melloras que se inclúen no prego de condicións e que fan referencia á calidade dos materiais para empregar na mellora.
A actuación que será financiada pola Consellería de Economía ao 80% e o restante 20% achegarao o Concello de Sanxenxo.
A mellora contempla un fresado e pavimentación de zonas onde os firmes e atopan máis deteriorados, a reposición de bordos de formigón que forman parte da drenaxe dos propios viais, a restauración dalgunhas beirarrúas ou a instalación de nova sinalización vertical e horizontal.
Os traballos supoñerán unha importante mellora tanto na imaxe como na seguridade viaria do espazo empresarial.
O parque empresarial de Nantes ten 280 parcelas, das que 21 son municipais e 259 para actividades de tipo comercial e industrial.
Na actualidade, as parcelas con actividade, licenza concedida e en construción ou tramitación suman 67.646 metros cadrados do total dos 355.000 dispoñibles para a actividade económica.