María Ana, a primeira pontevedresa en vacinarse contra a covid-19: "No lo sentí para nada"

Pontevedra
29 de decembro 2020
Actualizado: 14:38

Este martes a área sanitaria vacinou a 46 persoas, dos que 27 son residentes no fogar residencial Servisenior de Vilagarcía e 19 persoal sociosanitario. María Ana Ciancio Lesmes, de 84 anos, recibiu a vacina poucos minutos antes das 11 da mañá e, ao terminar, explicou que se sentiu "muy bien"

María Ana Ciancio, primeira vacinada da covid-19 na área de Pontevedra e O Salnés
María Ana Ciancio, primeira vacinada da covid-19 na área de Pontevedra e O Salnés / PontevedraViva

María Ana Ciancio Lesmes, de 84 anos, converteuse este martes na primeira paciente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en vacinarse fronte á covid-19. Esta usuaria do fogar residencial Servisenior de Vilagarcía recibiu a vacina poucos minutos antes das 11 da mañá e, ao terminar, explicou que se sentiu "muy bien". "No lo sentí para nada" asegurou un pouco nerviosa.

Este martes a área sanitaria vacinou a 46 persoas, dos que 27 son residentes neste centro de maiores e 19 persoal sociosanitario que traballa no mesmo. En canto recibiuse a vacina empezouse a vacinación polos traballadores e, pouco antes das 11.00 horas, tocoulle aos usuarios. Tras María Ana foron pasando pola cadeira de brazos para a inmunización o resto de compañeiros. 

A vacinación é voluntaria, pero neste centro todos os usuarios deron o si, de modo que a inmunización será total nas instalacións. A partir deste mércores, o proceso chegará ás residencias Ballesol de Poio e Divina Pastora de Vilagarcía e xa o xoves será á quenda de Campolongo en Pontevedra o centro de maiores de Caldas. 

María Ana Ciancio atendeu aos medios de comunicación sentada nunha cadeira de brazos na entrada do seu centro de maiores e manifestou o seu desexo de que "ojalá los niños no la sientan tampoco, que ellos son los que necesitan venir seguros a vacunarse y contentos". "Los niños no tienen que sufrir por nada de lo posible", desexou.

Segundo explicou, cando se decatou de que sería a primeira "quedé un poquito paralizada", pero "ya me reanimé en seguida". Mesmo chanceou coa atención mediática recibida:"a lo mejor me comparan con una actriz de cine porque soy la primera en esto y en lo otro". Si botou de menos que neste momento especial estivese ao seu lado a súa familia, que vive lonxe, pois ela é natural de Uruguai e ten familia repartida por distintos países.

"Me hubiera gustado que aquí estuviera alguno de mi familia, que no los veo, qué mala suerte" relatou aos medios, moi agradecida polo seu labor informativo e engadiu a súa tristeza por estar afastada das súas máis achegados. 

En 21 días deberá poñerse a segunda dose da vacina. Ela móstrase encantada con ese momento, pois "lo importante es estar bien, salir de esta e irnos a la otra cuando sea el momento".

No caso dos profesionais sociosanitarios do centro, os primeiros en poñerse na vacina, en canto chegou, foron 19. A primeira vacinada nesta residencia foi Miriam Souto  Balado.