Marín aposta por un verán 'con xeito'

Marín
18 de xuño 2021

A programación estival, que se suma á propia das  Festas  do Carme, poderá consultarse a partir do martes 22 de xuño a través da web do Concello e seguirá o formato do pasado ano, con actuacións repartidas polas rúas e prazas do centro urbano

Presentación en Marín da campaña 'Un verán con xeito' Concello de Marín

O Concello de Marín presentou este venres as liñas mestras do programa de dinamización musical, cultural e de lecer para o verán de 2021.

A grandes liñas esta programación, que estará dispoñible na web do Concello a partir do martes 22 de xuño, con actuacións repartidas polas rúas e prazas do centro urbano como complemento aos días grandes das Festas do Carme.

"Un verán con xeito" é o slogan escollido para a campaña, que só no mes de xullo contará con preto de 50 actuacións de música, maxia, folclore e outras disciplinas, segundo avanzaron as concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage.

A intención é anunciar as citas programadas ata finais de xullo e a medida que avancen as semanas incluiranse detalles de todo o ideado para os meses de agosto e setembro.

"Queremos replicar o traballo que realizamos o pasado ano, apostando polo terraceo, pola hostalería, porque sabemos que é un motor de dinamización económica que se funciona axuda a que todo o demais tamén funcione", explicou Sanmartín .

"Apostaremos, ademais, por todo o talento marinense e local, grupos de música e de dinamización que sexan da nosa vila e da contorna", engadiu a edil.

Esta campaña de dinamización permitirá dar visibilidade ademais ás actuacións organizadas a nivel particular pola hostalería, que pode enviar a información pertinente a través do correo electrónico prensa@concellodemarin.es para que o seu evento sexa engadido á programación.