Marín celebra a chegada de Maersk ao porto mentres Vigo o lamenta

Marín
08 de abril 2016

A decisión da empresa Maersk de trasladar o seu tráfico de colectores de Vigo a Marín é, segundo a alcaldesa marinense, María Ramallo unha "buena noticia" xa que valora como "positivos" todos os tráficos novos que teña o porto da ría de Pontevedra, xa que "redundan en mayor riqueza"

Descarga de colectores no Porto de Marín

A decisión da empresa Maersk de trasladar o seu tráfico de colectores de Vigo a Marín é, segundo a alcaldesa marinense, María Ramallo unha "buena noticia" xa que valora como "positivos" todos os tráficos novos que teña o porto da ría de Pontevedra, xa que "redundan en mayor riqueza".

O Porto de Marín a través da consignataria e estibadora Pérez Torres Marítima, logrou a adxudicación do servizo desde o 1 de xuño próximo ata o 31 de maio de 2017.

Estímase que o traslado das operacións con colectores da naviera Maersk supoñerá a perda do 15 por cento da carga xeral de porto de Vigo onde move entre o 20 e o 40 por cento dos 200.000 colectores. Entre as principais empresas coas que traballa Maersk atópanse Inditex, PSA Citroen, Finsa, Indugasa ou a maioría das conserveiras da provincia.

"Que a maior naviera do mundo se interese por facer as súas entradas e saídas de mercadoría desde o Porto de Marín é, sen dúbida, positivo", sinalou.

A alcaldesa, que foi Presidenta da Autoridade Portuaria marinense, engadiu que "desde o porto está a traballarse para ofrecer os mellores servizos e de maior calidade e adaptar as instalacións do operador privado que é o encargado de dar esa resposta".

"Para Marín sempre é unha boa nova atraer novos tráficos", insistiu.

Con todo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirma que a perda da empresa Maersk é para os vigueses unha "herdanza que se recibe do anterior presidente da Autoridade Portuaria de Vigo", o actual delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.
Carmela Silva asegurou que a xestión de López-Chaves foi "nefasta que empeza a verse agora".

O traslado a Marín débese a que a estiba é moito máis barata que a terminal de Guixar

Para a presidenta da Deputación e primeira tenente de alcalde de Vigo, é "moi preocupante" o que está a ocorrer porque "máis de 50 empresas de Vigo e a súa contorna" que levan ducias de anos traballando nese porto e que agora "ven con enorme preocupación" esta manobra desta sociedade nórdica que "pode poñer en perigo" a estas firmas e aos seus traballadores.

Carmela Silva dixo que "a miña sorpresa foi maior" ante a reacción do actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, López Veiga, ao sinalar que el non sabía nada. "Vaia papelón, á min non me gustaría que me preguntasen por algo que xestiono eu e do que non sei nada", comentou.

"Os xestores políticos téñeno que solucionar", concluíu Carmela Silva.

Segundo explicou Maersk o traslado a Marín débese a que a estiba é moito máis barata que a terminal de Guixar.

REACCIÓN DO PP

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, considera "fóra de lugar" estas declaracións da presidenta da Deputación a raíz do traslado de Maerks a Marín.

Ángel Moldes lamenta que Carmela Silva "siga sen defender os intereses de todos os concellos da provincia por igual".

O voceiro provincial recoméndalle "que empece a cambiar o chip para evitar problemas e que pensé, de unha vez, máis alá de Vigo".

Finalmente o voceiro popular pregunta que lle parecerán as declaracións da presidenta da Deputación ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao tenente de alcalde e vicepresidente da Deputación, César Mosquera.