As obras que se acometen con motivo da mellora da canalización e do colector de Marín provocan un problema de tráfico e tamén de aparcadoiros en toda a zona que limita coas instalacións do porto.
Por este motivo, o Concello de Marín, a través da área de Medio Ambiente en colaboración co departamento de Urbanismo, está a buscar e xestionar cos propietarios a utilización de leiras nas que se poida aparcar de maneira temporal. Afirman que xa alcanzou algúns acordos.
A idea é garantir a utilización pública de maneira continuada por períodos mínimos de tempo, que poidan ser prorrogados, de diferentes terreos nos que será necesario proceder a realizar labores de acondicionamento para que poidan ser empregadas como aparcadoiros en superficie, segundo explica o goberno local de Marín.
Estas parcelas, que aínda non se teñan feito públicas, serán obxecto de cesión de uso por parte dos propietarios sen contraprestación económica para os titulares. O goberno local afirma que estas parcelas se atopan preto das contornas afectadas polas obras.
Neste sentido, o goberno de María Ramallo lembra que nos últimos anos xa se teñen establecido varios espazos para aparcadoiro en superficio como o situado nas proximidades das instalacións portuarias, en Virxe do Carme, na Cañota, na Raña e en Ponte Zapal.
PARQUE EGUREN
Ademais, o Concello de Marín está a analizar, de cara o futuro, a zona do parque Eguren para que poida acoller un aparcadoiro soterrado.
Segundo informan desde o goberno local, se están a realizar estudos para comprobar a utilización en sótano e subterráneo como zona de estacionamento, sempre mantendo o uso en superficie do parque, con zona deportiva e espazo para a vexetación.