Marín descarta as verbenas, os grandes concertos e as atraccións para as Festas do Carme

Marín
18 de xuño 2020

O Concello avanzou este xoves que as festas apostarán por actividades de pequeno formato e apelará á responsabilidade dos veciños para poder celebralas con seguridade. Así, entre outras cuestións, nesta "nova normalidade" non haberá actuacións musicais de gran formato ou verbenas nin atraccións de feira

Concerto de Efecto Pasillo nas Festas do Carmen de Marín
Concerto de Efecto Pasillo nas Festas do Carmen de Marín / Diego Torrado

A pesar das restricións impostas pola pandemia do coronavirus, Marín resístese a suspender as súas festas patronais, as Festas do Carme. Iso si, as deste ano serán moi diferentes.

O Concello avanzou este xoves que as festas apostarán por actividades de pequeno formato e apelará á responsabilidade dos veciños para poder celebralas con seguridade.

Así, entre outras cuestións, o goberno municipal avanza que nesta "nova normalidade" non haberá actuacións musicais de gran formato ou verbenas nin atraccións de feira.

Será unha modalidade de festas menos multitudinaria, na que primará a ambientación e a animación musical e outras actividades culturais que permitan aforos máis limitados e, por tanto, un ocio seguro e controlado, "acorde cos tempos que estamos a vivir", di o Concello.

A alcaldesa, María Ramallo, entende que "non podemos festexar o Carme como sempre o fixemos" porque, a pesar de que a situación sanitaria parece estar controlada "non podemos esquecer todo o que se viviu nestes últimos meses".

Esta programación festiva, que será presentada nas próximas semanas, chegará a diversos puntos do casco urbano, segundo garante o goberno municipal.