Nin o vento nin os chaparróns lograron augar a cita máis emblemática do Entroido marinense.
Este mércores, Marín celebrou o Enterro da Sardiña, con raíces no século XIX e recoñecida como festa de interese turístico pola Xunta de Galicia.
A xornada, marcada por un ceo encapotado e choivas persistentes, mantivo intacto o espírito satírico que define este acto organizado polo Ateneo de Santa Cecilia de Marín.
Só o franquismo (entre 1936 e 1976) e a recente pandemia lograron interromper unha tradición que hoxe presume de ser a máis antiga de Galicia no seu xénero.
A protagonista da tarde, xa "moi maior", sucumbiu este ano a un exceso de auga. E non lle faltou coherencia ao guion pois a choiva acompañou boa parte do desfile, obrigando mesmo a trasladar a lectura do pregón por culpa dos refachos de vento.
O velorio celebrouse baixo unha carpa na Alameda, onde veciños e curiosos compartiron viño e pan de millo nun ambiente máis festivo que lutuoso.
Porque se algo caracteriza a este enterro é a súa capacidade para mesturar tradición mariñeira, crítica social e retranca colectiva.
A pesar dos chuvieiros intermitentes, a comitiva non se arredrou. O cortexo fúnebre percorreu as rúas Jaime Janer, Busto de Abaixo, Doutor Touriño, Sol, Real e Almuiña até desembocar na praza de España, antes de pór rumbo ao peirao.
Alí, fiel ao costume, o corpo sen vida da sardiña foi devolto ao mar entre aplausos, paraugas abertos e sorrisos cómplices.
Nin sequera o mal tempo logrou deslucir unha cerimonia que é moito máis que un acto simbólico.
O Enterro da Sardiña volveu demostrar que o Entroido de Marín é, sobre todo, unha celebración compartida nun espazo onde a sátira reforza a convivencia veciñal e onde a tradición, ano tras ano, segue atopando abrigo mesmo baixo a choiva.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.