Marín honra á Raíña dos Mares

Marín
16 de xullo 2024
Actualizado: 16 de xullo 2025

A procesión marítima coa Virxe do Carmen marcou a festividade en numerosas poboacións, especialmente en Marín onde é patroa

Ofrenda floral e procesión marítima coa Virxe do Carmen
Ofrenda floral e procesión marítima coa Virxe do Carmen / Concello de Marín

A procesión marítima coa Virxe do Carmen marcou a festividade en numerosas poboacións, especialmente en Marín onde é patroa a Raíña dos Mares. 

A vila mariñeira celebrou este martes o seu Día Grande no que houbo ofrenda floral, misa solemne, procesión marítima, tirada de fogos de artificio desde o Paseo Alcalde Blanco e verbena para rematar a festa.

Ás seis e media da tarde tivo lugar a ofrenda floral a cargo dunha comitiva que saíu da Casa do concello coa alcaldesa María Ramallo á fronte, e os concelleiros da Corporación Municipal que tamén se sumaron á procesión polas rúas do centro ata embarcar á imaxe da Virxe e trasladala cara ao medio da Ría onde se homenaxeou aos falecidos no mar.

Tamén na parroquia de Seixo houbo unha ofrenda floral no Porto de Aguete e a continuación a procesión, acompañada da Banda de Música de Arcade, ata a igrexa parroquial Nosa Señora do Carme.

A música do Combo Dominicano co seu espectáculo na Praza de España completou esta xornada festiva.