Marín impulsa a inserción laboral de 100 mulleres cun programa integral de emprego

Marín
10 de xaneiro 2025

O programa conta cun orzamento de 220.000 euros, dos cales 176.000 achégaos a Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración e, os 44.000 restantes, o Concello de Marín

Inicio do Programa Integrado de Emprego Concello de Marín

Cen mulleres desempregadas de Marín iniciaron este venres un programa integral de emprego deseñado para mellorar as súas competencias e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

A iniciativa, impulsada polo Concello de Marín, ofrecerá ás participantes unha serie de accións formativas e de orientación laboral personalizadas.

Estas son a información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para buscar emprego por conta propia e allea, habilidades sociolaborais e talleres de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prácticas profesionais non laborais, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes e mobilidade laboral.

Todas estas actividades estarán adaptadas á realidade das mulleres participantes, que deberán facer, polo menos, cinco delas individuais de aquí a setembro e asistir a tres colectivas co resto de participantes. Por cada unha delas recibirán 10 euros.

O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración cun importe de 176.000 euros, achegando os 44.000 restantes o Concello de Marín até completar os 220.000 euros de orzamento máximo.

As subvencións están financiadas a través dos fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal.