Os nenos e nenas de Marín quedarán este verán sen os seus campamentos de conciliación. Así o anunciou o Concello este martes. Entenden que é a decisión máis acertada dada a situación creada polo coronavirus e o non retorno ás aulas escolares.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, explicou que este ano sería "moi complicado" garantir todas as medidas que se deben "cumprir estritamente" a nivel de distancia física e hixiene constante, "polo que é necesario previr posibles contaxios.
Esta oferta lúdica tiña como obxectivo axudar ás familias da vila a conciliar o seu tempo cando a rapazada non ten colexio, organizando actividades de ocio no espazo urbano.
A súa suspensión está provocada ademais ante o escenario "diferente ao habitual" que están a barallar as autoridades educativas para a volta das clases en setembro.