Máscara, hixiene e visitas limitadas: O Hospital do Salnés reforza as medidas ante a onda de gripe

O Salnés
27 de novembro 2025

No eido da prevención, a vacinación anual continúa a ser a mellor ferramenta contra a gripe. A campaña segue activa, para profesionais no propio hospital e para os grupos de risco nos centros de saúde

Muller cunha máscara hixiénica Mónica Patxot

O Hospital do Salnés vén de activar o seu plan de inverno coincidindo co inicio da onda epidémica de gripe, e quere facelo lembrando que, a día de hoxe, continúa con normalidade toda a súa actividade asistencial, tanto cirúrxica como de consultas.

Iso si, para manter esta situación e protexer tanto profesionais como pacientes, o centro puxo en marcha unha serie de recomendacións sinxelas pero fundamentais.

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés aconsella usar máscara en todas as interaccións asistenciais das plantas de hospitalización, no hospital de día, nas urxencias e na área cirúrxica. Noutros espazos do hospital, esta recomendación aplícase especialmente aos servizos onde se atenden persoas máis vulnerables.

Ademais, o centro lembra a importancia de manter unha boa hixiene de mans empregando as solucións hidroalcohólicas dispoñibles en múltiples puntos das instalacións.

Para familiares e acompañantes, pídese evitar as visitas se se presentan síntomas respiratorios, limitar o número de persoas que acoden por paciente ingresado e levar máscara cirúrxica tanto nas habitacións como nas zonas comúns.

Seguir as indicacións do persoal sanitario e consultar calquera dúbida sobre síntomas ou medidas de prevención é outra das claves para contribuír a un entorno seguro.

No eido da prevención, a vacinación anual continúa a ser a mellor ferramenta contra a gripe. A campaña segue activa, tanto para os profesionais no propio hospital como para os grupos de risco nos centros de saúde.

E, para quen aínda non se vacinase, este sábado día 29 celebrarase unha xornada especial destinada a captar ás persoas de entre 60 e 69 anos que aínda non recibiron a súa dose.