O comercio de proximidade de Marín será protagonista dunha das cinco campañas extraordinarias de dinamización comercial que a Xunta de Galicia apoiará nos próximos meses de setembro e outubro.
A iniciativa do Centro Comercial Aberto (CCA) de Marín, baixo o título 'Que é un comercio’', foi seleccionada entre as propostas mellor valoradas na convocatoria autonómica de axudas aos centros comerciais abertos.
A campaña, impulsada pola Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín, desenvolverase do 5 ao 11 de outubro co obxectivo de achegar á cidadanía, especialmente ás familias e ás novas xeracións, o valor do comercio local como moito máis que un lugar de compra.
O proxecto busca poñer en primeiro plano a confianza, a atención personalizada, a relación entre veciñanza e comerciantes e o papel dos negocios de proximidade na identidade da vila.
Para conseguir esa conexión co público máis novo, Estrela de Marín apostará por unha proposta con diferentes accións educativas, promocionais e visuais.
Un dos elementos máis destacados será a creación dunha mascota propia do centro comercial aberto, que se converterá na imaxe da campaña e que visitará centros de ensino para transmitir aos nenos e nenas a importancia de mercar no comercio da contorna.
Ademais, a iniciativa contará coa edición dun libro para colorear protagonizado pola mascota, presenza nos escaparates dos establecementos asociados, agasallos promocionais e cupóns de desconto para incentivar as compras nos negocios locais.
A programación completarase coa celebración da segunda edición da Burger Fest de Marín, un evento gastronómico que reforzará o carácter participativo da campaña.
A proposta marinense forma parte dun paquete de cinco accións seleccionadas pola Xunta entre as 56 entidades beneficiarias das axudas deste ano aos centros comerciais abertos, que mobilizan un investimento global superior aos 2,35 millóns de euros.
As cinco campañas consideradas de maior calidade e impacto territorial recibirán preto de 100.000 euros de apoio adicional.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou o valor destas iniciativas como ferramentas para dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e consolidar o comercio como un dos motores económicos e sociais das vilas galegas.