Mediaset, editora de Telecinco ou Cuatro, forma futuros profesionais da televisión no campus de Pontevedra

Pontevedra
19 de setembro 2014

Con este curso, os alumnos poderán coñecer todas as fases de traballo que hai detrás dunha produción audiovisual, "acercando al alumnado a esta realidad", segundo destacou o director de contidos de Mediaset, Manuel Villanueva, na súa presentación

Manuel Villanueva (en primeiro plano) na presentación do curso de formación que Mediaset imparte en Pontevedra Universidade de Vigo

Mediaset España, compañía editora de canais de televisión como Telecinco e Cuatro, desembarcou no campus de Pontevedra. Máis de 200 estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación participan desde este venres nun curso de formación que responsables desta compañía impartirán ata o próximo 7 de novembro. Trátase dunha actividade que espertou unha grande expectación.

Con este curso, os alumnos poderán coñecer todas as fases de traballo que hai detrás dunha produción audiovisual, "acercando al alumnado a esta realidad", segundo destacou o director de contidos de Mediaset, Manuel Villanueva, na súa presentación. El mesmo foi o encargado de abrir esta iniciativa cun relatorio titulado O mercado da televisión, que impartiu pola tarde no salón de actos da facultade pontevedresa.

Concretamente, segundo explicou Villanueva, o obxectivo destas leccións será amosar "de una manera muy sencilla" todo o proceso de creación dun proxecto audiovisual, desde a idea inicial á súa comercialización final. De aí que na nómina de conferenciantes figuren os máximos responsables de programación, produción, ficción ou adquisición de dereitos do grupo. Entre eles estará o propio conselleiro delegado, Paolo Vasile.

Trala sesión inaugural deste venres, o curso continuará o 26 de setembro coa participación de Miguel Vila, director de proxectos de Mediaset, que impartirá un relatorio titulado O proceso de creación. Como se detecta e se ensambla un formato. Sete días despois, chegará a Pontevedra o produtor Ghislain Barrois, para falar do investimento en cine, mentres que o 10 de outubro tomaralle o relato o director de produción do grupo, Leonardo Baltanás.

Ou ben Toni Sevilla ou ben Pepa Sánchez, directores de ficción e miniseries respectivamente, serán os seguintes en pasar por Pontevedra o 17 de outubro, unha semana antes de que a directora de Antena, Patricia Marco, imparta ao relatorio A programación. A experiencia multicanle. Xa o 31 de outubro chegará a quenda de Ana Bueno, directora de novas tecnoloxías do grupo, que ofrecerá o último relatorio antes de que Paolo Vasile acuda á cidade para clausurar este curso nun acto que, probablemente será aberto ao público.

CONVENIO CON MEDIASET

Froito dun convenio asinado no ano 2013 polo grupo audiovisual e o Consello Social, este curso supón un "hito" para a institución académica, como salientou o vicerreitor do campus de Pontevedra, José Corbacho, que incidiu na importancia de que "ocho directivos del grupo vengan a Pontevedra a compartir con alumnos y profesores su experiencia y sus conocimientos". Todos eles veñen de forma totalmente desinteresada. 

Este acordo abriu tamén a posibilidade de que o alumnado da facultade puidese realizar prácticas extracurriculares nas instalacións centrais de Mediaset en Madrid. Algo que un grupo de estudantes vén de levar a cabo con excelentes resultados. "No pudieron darme mejores referencias, su rendimiento fue estupendo", salientou Manuel Villanueva, que anunciou que a "comunicación moi fluída" con esta facultade poderá verse traducida en novas iniciativas.