Medio Ambiente e Industria, dispostas a que Elnosa permaneza na ría se elimina o mercurio

Pontevedra
24 de setembro 2015

Os representantes do comité de empresa de Elnosa mantiveron unha xuntanza cos conselleiros Ethel Vázquez e Francisco Conde para analizar o seu futuro e evitar que a factoría peche a súa actividade na ría de Pontevedra en decembro de 2017

Xuntanza do comité de empresa de Elnosa cos conselleiros de Medio Ambiente e Industria
Xuntanza do comité de empresa de Elnosa cos conselleiros de Medio Ambiente e Industria /

A reunión entre os representantes do comité de empresa de Elnosa cos conselleiros de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, e de Economía e Industria, Francisco Conde, serviu para confirmar que desde a Xunta de Galicia están dispostos a aceptar a permanencia da fábrica cloreira na súa actual localización na ría de Pontevedra, segundo indicou o presidente do comité, Avelino García.

Os responsables das consellerías indicaron que para que a empresa continúe terá que presentar o proxecto do cambio tecnolóxico no que conste a eliminación do mercurio. Ese proxecto terá que estar visado polo Concello de Pontevedra e aí é onde a empresa atoparía a oposición do goberno local.

Avelino García indicou que se mostraron sorprendidos polo cambio de posicionamento por parte da Xunta de Galicia ao atoparse agora cun "apoio" para que a empresa poida quedar en Lourizán. Este cambio vén propiciado, segundo o representante sindical, pola modificación da Lei de Costas. O acordo asinado coa Xunta, que establecía o traslado antes de decembro de 2017 quedaría como unha segunda opción no caso de que non se acometese a reforma tecnolóxica na empresa.

Con todo, os representantes dos traballadores entenden que a dirección de Elnosa ten a intención de poñer en marcha ese proceso de eliminación do mercurio que duraría ao redor de dous anos.

Ante esta situación, o comité de empresa quere manter un calendario de protestas dirixidas cara aos concellos que se mostren contrarios á súa posición. "O alcalde díxonos que non tiña ningunha competencia, pero si que as ten. E cando chegue o momento, nós vamos contestar e non vamos quedar quietos a esperar", apuntou Avelino García.

Arquivado en