Medio millón dos fondos de reactivación da Deputación para humanizar a contorna do río Bermaña

Umia
09 de novembro 2021

O Concello de Caldas de Reis destinará 579.793 euros dos fondos do Programa ReacPon á mellora e humanización na rúa Río Bermaña e na praza Dr. Sesto Casal, xunto á Praza de Abastos. A actuación afectará a unha superficie de 3.229 metros cadrados e o proxecto pretende mediante a reforma do viario e o espazo público

Contorna do río Bermaña en Caldas
Contorna do río Bermaña en Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis destinará 579.793 euros dos fondos do Programa ReacPon da Deputación de Pontevedra para a reactivación económica da provincia á mellora e humanización da contorna do río Bermaña, no casco urbano do municipio. 

Segundo a información facilitada polo Concello, en concreto, actuarán na rúa Río Bermaña e na praza Dr. Sesto Casal, xunto á Praza de Abastos.

A actuación afectará a unha superficie de 3.229 metros cadrados e o proxecto pretende mediante a reforma do viario e o espazo público, non só a rehabilitación paisaxística integral dunha área central e moi sensible polos seus valores naturais, senón mellorar a accesibilidade e seguridade viaria e crear novos espazos de calidade ambiental, incorporando vexetación autóctona e mobiliario urbano.

Todo o ámbito de actuación terá plataforma única dando prioridade á mobilidade peonil e ciclista.

O alcalde, Juan Manuel Rey, agradeceu á Deputación de Pontevedra a subvención e destacou o seu apoio para os investimentos dos concellos no desenvolvemento de obras vertebradoras de reordenación urbana. No caso da contorna do río Bermaña, van mellorar a calidade de vida da veciñanza e "facer de Caldas unha vila máis accesible e atractiva".

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destaca que este  proxecto estaba previsto no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable aprobado polo Concello no ano 2019 e o goberno local xa traballou nel na primeira metade do mandato. De feito, xa se avanzou na redacción do estudo previo e do proxecto de execución, a solicitude dos informes sectoriais e a obtención de financiamento por parte da Deputación.