Melchor, Gaspar e Baltasar cambian a cabalgata por unha recepción no porto deportivo

Sanxenxo
11 de decembro 2020

A falta do rei emérito, serán outros reis os que este nadal paseen polo porto deportivo de Sanxenxo. Melchor, Gaspar e Baltasar cambiarán a súa tradicional cabalgata por unha recepción que se celebrará o 5 de xaneiro na Sala Nauta

Os Reis Magos en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A falta do rei emérito, serán outros reis os que este nadal paseen polo porto deportivo de Sanxenxo. Melchor, Gaspar e Baltasar cambiarán a súa tradicional cabalgata por unha recepción que se celebrará o 5 de xaneiro na Sala Nauta.

O encontro, segundo avanza o Concello de Sanxenxo, realizarase baixo un estrito control anticovid, pero sen que iso reste un chisco á maxia deste tradicional encontro.

Habilitará itinerarios de entrada e saída, o espazo estará ventilado e contará con áreas de desinfección nos accesos ao interior da sala que estará acondicionada como unha auténtica recepción real.

No exterior, despregarase un dispositivo para evitar aglomeracións e que as entradas á sala Nauta se realicen de forma ordenada e por estrita orde de chegada.

Será a partir das cinco da tarde cando comece a recepción real que non concluirá ata que todos os nenos que acudan ao encontro poidan ver aos Reis Magos de Oriente. 

Para facilitar a chegada a esta recepción, o Concello habilitará dúas horas máis gratuítas no aparcadoiro do porto deportivo a todas as familias empadroadas en Sanxenxo, que se sumarán ás dúas horas que xa teñen habitualmente de gratuidade no estacionamento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora