A tempada alta de verán arrincará coa chegada do mes de xullo en Sanxenxo cunha das súas zonas máis visitadas, o Paseo de Silgar, a punto tras as últimas intervencións na zona.
Anuncia o Concello que a principios de semana quedará terminada por completo a actuación.
Por unha banda, tras os danos provocados polos temporais do pasado mes de febreiro coa caída dun noiro e o muro que aguantaba, procedeuse pola vía de urxencia a realizar unha escavación profunda até alcanzar chan firme desde o que poder iniciar a construción dun novo muro que garantise a estabilidade da zona e a súa contorna.
A iso sumáronse novas actuacións para mellorar o tramo do Paseo comprendido entre a Rúa Ourense e Punta Vicaño.
Esta segunda actuación consistiu na ampliación do empedrado de prioridade peonil, a mellora do miradoiro e o tramo final do paseo, onde se construíu unha nova escaleira de granito.
Desta forma deixouse preparado o enlace co futuro carreiro de Punta Vicaño, que está previsto iniciar en setembro.
Tamén se instalaron as proteccións de aceiro inoxidable na varanda de granito que no seu momento xeraron polémica. Foron colocadas no tramo máis alto do muro cumprindo así a normativa de seguridade.
Por último procedeuse ao axardinamento da zona onde se bifurca o miradoiro e a beirarrúa do paseo.