Mogor contará cun aquapark flotante de máis de 800 metros cadrados de superficie

Marín
06 de xuño 2023

Colocarase a principios de xullo e será unha diversión asegurada tanto para pequenos como para maiores. As entradas poderán collerse tanto na praia como a través dunha web e permitirán unha estancia nas plataformas dunha hora

Mogor contará cun aquapark flotante de máis de 800 metros cadrados de superficie Concello de Marín

A praia de Mogor contará este verán cun novo atractivo turístico que fará as delicias dos pequenos e maiores: un aquapark hinchable de máis de 800 metros cadrados.

Tal e como informou o Concello de Marín este martes, esta estrutura a base de plataformas unidas entre sí se colocará por dentro do recinto balizado da auga desde primeiros de xullo e ata mediados de setembro.

A estrutura está formada por distintas plataformas hinchables unidas entre sí, algunhas lisas, outras con obstáculos, con camas elásticas… polas que se poderá facer un percorrido libre.

O acceso será dunha hora para estar dentro do recinto e estará aberto todos os días da semana, de 11.30 a 20.30 horas.

Para chegar ata o aquapark haberá tanto a opción de ir a nado como nunhas tablas de paddle surf.

As entradas poderán collerse na caseta de información que se colocará na praia de Mogor e, máis adiante, a través dunha web. Tanto se poderá coller entrada para o mesmo día como reservar.

O prezo será de 12 euros por persoa ou de 10 euros para grupos de 20 ou máis persoas.

A idade mínima para acceder ao aquapark serán 6 anos e os rapaces ata os 12 anos terán que ir acompañados obligatoriamente dun adulto.

Tamén será obligatorio acceder con chaleco salvavidas, que se aportará antes da entrada ao recinto.