Moldes acusa o goberno local de abrir 2022 coa maior débeda da historia

Poio
13 de decembro 2021

O portavoz do Partido Popular afirma que a cifra ascende a 7.972.286 euros e sinala que é "inasumible" ao considerar que o goberno tripartito, que lidera o alcalde Luciano Sobral, hipoteca a máis de 30 anos ao Concello de Poio

Ángel Moldes e Rocío Cochón en rolda de prensa PP de Poio

A débeda do Concello de Poio a finais deste 2021 ascenderá a 7.972.286 euros, segundo manifesta Ángel Moldes, portavoz do Partido Popular de Poio.

Sinala que se trata da maior na historia do Concello e lembra que Poio conta cun orzamento de 13 millóns de euros e soamente oito millóns atópanse hipotecados na débeda do goberno tripartito, que lidera o alcalde Luciano Sobral.

Fronte a estas cifras, os populares lamentan que se hipoteque a máis de 30 anos ao Concello de Poio, o que afecta a "máis de dúas xeracións e ás sete corporacións próximas", explica  Moldes.

Desde o PP especifican que en 2019 a débeda municipal era de 5 millóns de euros e ese ano solicitouse un préstamo por importe de 650.000 euros; mentres que en 2020 demandouse outro préstamo por valor de 500.000 ao que se incrementou o solicitado este 2021 por valor de 2,7 millóns de euros.

Ante esta situación, Ángel Moldes cualifica a xestión económica do Concello de "nefasta e imprudente".