Moraña impulsa unha senda peonil entre Santa Lucía e As Cortiñas

Umia
18 de febreiro 2026

O proxecto reducirá carrís para vehículos e gañará espazo exclusivo para peóns, modernizando os servizos e eliminando barreiras arquitectónicas

Rúa N7 de Santa Lucía, en Moraña Concello de Moraña

A humanización periurbana chega a Moraña cun novo proxecto que creará unha senda peonil segura e mellorará a conexión viaria entre a rúa N7 de Santa Lucía, á altura da zona deportiva, e o lugar das Cortiñas.

A actuación redistribuirá os 3.705 metros cadrados do viario actual de 475 metros de lonxitude e 8 metros de ancho, reducindo a calzada para vehículos a 2.324 metros cadrados e gañando 1.380 metros cadrados exclusivos para peóns.

Concretamente, o Concello executará un itinerario peonil de formigón coreado de 334 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, separado por bolardos da vía renovada, que manterá dous carrís.

Ademais, instalarán plataformas únicas no entroncamento coa Rúa N7, modernizarán iluminación, saneamento, pluviais e arquetas.

A obra tamén eliminará barreiras arquitectónicas, e engadirá muros de contención, varandas, cunetas e sinalización con límites de velocidade de 30 e 10 quilómetros por hora.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, destacou que "estamos ante un proxecto moi importante porque nos permitirá continuar coa nosa política de humanización amable que levamos anos desenvolvendo en Moraña".

"Estamos facendo que o noso concello sexa cada vez un sitio máis agradable para vivir", engadiu.

O proxecto ten un prazo de execución de tres meses e xa está en contratación.

Conta cun investimento de 299.152 euros financiada polo Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.