Moraña mellorará pistas das parroquias con 130.000 euros do Plan Concellos da Deputación

O Salnés
13 de outubro 2018

Trátase da cuarta fase do Plan de Vías, que mellorará pistas de Saiáns, Gargantáns, Laxe e Lamas a partires de decembro. Van acondicionarse camiños na Penagrande, O Casal, San Martiño, Sabadín e A Igrexa de Lamas, segundo anuncia o goberno local liderado por Luisa Piñeiro

Visita da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, á pista de Sabadín - Saiáns
Visita da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, á pista de Sabadín - Saiáns / Concello de Moraña

O Concello de Moraña pon en marcha a nova fase do Plan de Vías Municipais 2018 coa mellora de cinco pistas nas parroquias de Saiáns, Gargantáns, Laxe e Lamas. Serán obras que se executarán a partir de decembro, segundo afirmaba a alcaldesa Luisa Piñeiro, que acudía a visitar nas últimas horas os viarios que serán reformados.

O investimento inclúe tamén o tratamento dos camiños da Penagrande e O Casal, na parroquia de Laxe; San Martiño de Gargantáns, A Igrexa de Lamas e  Sabadín, en Saiáns, onde está previsto que a obra estea licitada a finais deste mes de outubro.

O investimento previsto ascende a 130.000 euros. As obras centraranse na limpeza das marxes das vías con eliminación de raíces de árbores, renovación do asfaltado cunha capa de aglomerado e outras obras de mellora e mantemento destes espazos.

A alcaldesa indicou que o obxectivo era intervir naqueles viarios que tiñan máis necesidade dunha reforma e afirma que o investimento global do Plan de Infraestruturas alcanza os 650.000 euros neste ano.

O goberno local indica tamén que restan por afrontar as obras en Cartamil, O Outeiro e Chan de Amil. Nestes casos, os procesos administrativos previos iniciaranse nas próximas semanas.

A mellora de camiños inclúese no Plan Concellos da  Deputación Provincial e realízanse con fondos desta institución. Precisamente, a alcaldesa acudía esta semana ao acto de apoio ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e sumábase publicamente ás críticas que o rexedor realizaba ao goberno bipartito da  Deputación Provincial ante a falta de investimentos no Salnés por parte do organismo que preside Carmela Silva.