Moraña quere ter rematado en marzo o novo centro social de Alende

Umia
23 de xaneiro 2020

As obras de construción do novo centro social de Alende entraron na súa recta final. O obxectivo do goberno municipal de Moraña é que este equipamento, que se está a levantar a través da rehabilitación integral do histórico edificio da antiga cámara agraria deste lugar da parroquia de Santa Xusta, estea rematado en marzo

Obras de construción do centro social de Alende Concello de Moraña

As obras de construción do novo centro social de Alende entraron na súa recta final. O obxectivo do goberno municipal de Moraña é que este equipamento, que se está a levantar a través da rehabilitación integral do histórico edificio da antiga cámara agraria deste lugar da parroquia de Santa Xusta, estea rematado en marzo.

Esta actuación de carácter social e veciñal, que conta cun orzamento de 258.032 euros, dos que 200.000 son cofinanciados pola Xunta, avanza a moi bo ritmo.

A empresa Acevi, adxudicataria deste proxecto, xa executou o teito e toda a carpintaría exterior e afánase nestas datas nos traballos no seu interior, co encintado, as distribucións de espazos e a instalación dos servizos.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explicou que, tan pronto como se remate esta rehabilitación, vai comunicar de inmediato a fin da obra á Consellería de Política Social para que active a unidade pública de atención a persoas con alzhéimer, que foi comprometida para atender á zona.

Este proceso de posta en marcha requirirá da habitual tramitación burocrática, pero agárdase que estea funcionando este mesmo ano.

O edificio, cunha potente estrutura en pedra do país e con 217 metros cadrados de planta, estase a restaurar respectando a súa fisonomía orixinal e vaise dotar dun amplo recibidor de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala xeral de 130 metros cadrados.

Ademais, para manter as liñas tradicionais da construción de Galicia, deixarase a súa parte máis elevada -que alcanza os sete metros- ao aire sostida por grandes vigas de madeira de abeto.

En principio, xunto coa unidade de alzhéimer, o centro servirá para satisfacer as necesidades veciñais, culturais e sociais de Alende e a súa contorna e complementarase cun plan de iniciativas para a terceira idade.