Mosquera desmente "as contas do Gran Capitán" que fai Rafa Domínguez sobre o custo do 'Coche de Punto'

Pontevedra
25 de febreiro 2025

O Concello de Pontevedra informa que o custe medio da viaxe foi de 10,87 euros, e hai que ter en conta que este é un servizo compartido polo que o taxi pode ir con varias persoas

César Mosquera, edil de Infraestruturas Mónica Patxot

"En picos, palas y azadones, cien millones…", dicía aquela lista de gastos imposible atribuída a Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán. 

Este martes o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, lembrou este tópico cultural español para referirse ás contas feitas polo portavoz local do PP, Rafa Domíguez que aseguraba que o custo por traxecto do 'Coche de punto' pode chegar aos 100 euros a viaxe. "Sae máis barato ir en limusina",  chegou a afirmar o popular.

Mosquera saíu ao paso destas manifestacións para aclarar que "o custo de cada desprazamento no 'Coche de punto' é exactamente o mesmo que nun taxi".

Nesta modalidade de prestación, por ser de interese público, o Concello compensa aos operadores a diferencia entre tarifas de equilibrio e os ingresos das tarifas que aboan directamente os usuarios: nesta primeira etapa de posta en marcha como non se cobraba ao usuario, o Concello puña a totalidade da tarifa de equilibrio.

Desde o pasado 21 de febreiro o usuario abona 2,15 euros por traxecto. O Concello faise cargo dos 3,75 euros de baixada de bandeira e de 1,08 euros por quilómetro.

A conta é a seguinte, neste periodo fixéronse 4.602,94 quilómetros x 1,08 euros/km + 698 viaxes x 3,75 euros/viaxe = 7.588,67 euros (ata xaneiro inclusive, e a falta de pechar febreiro 2025).

O custe medio da viaxe foi de 10,87 euros, e hai que ter en conta que este é un servizo compartido polo que o taxi pode ir con varias persoas ou pasaxeiros.

Mosquera tamén explicou que nos orzamentos de 2025 figuran partidas para o 'Coche de punto', cuxa compensación está suxeita ao mesmo réxime de xustificación. A principal de 230.000 euros responde a cubrir esta compensación, polo que en media darán para máis de 15.000 viaxes; a taxa actual mensual son 175 expedicións/mes, polo que ese réxime so daría un gasto de compensación co esquema actual de 22.827 euros/anuais.

Esta cifra está moi por baixo da capacidade estimada no proxecto de explotación, que foi a utilizada para realizar a reserva orzamentaria. A progresiva consolidación do servizo incide na necesidade da reserva orzamentaria, por analoxía ao que xa sucedeu nas subvencións para o transporte público, que practicamente triplican as cantidades estimadas inicialmente, polo éxito na implantación das liñas urbanas, e da bonificación a todos os percorridos municipais das liñas autonómicas.

"Se hai moitos viaxes, pois gastarase máis, e se hai menos, gastarase menos", resumiu Mosquera.

Existe previsión tamén nos orzamentos para asistencias técnicas ligadas ao transporte e ao control de subvencións, como para a mellora da súa implantación e coordinación co transporte urbano, por un total de 70.000 euros. Segundo explican dende o Concello, no inicio do servizo existe, como en toda actividade e proxecto, un custe de implantación e innovación, que se recuperará na medida que se vaia afianzando.