Un total de 160 vivendas dos lugares de O Pazo, Carabelo e Eirós (Mourente) e Leirados (Bora) contarán con rede de saneamento antes de que conclúa este ano.
Así o anunciou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, tras informar do inicio do proceso de contratación e licitación deste ansiado proxecto no que se investirán 987.982,53 euros.
Con esta actuación, o Concello de Pontevedra completará o saneamento na parroquia de Mourente.
Serán en total cinco quilómetros de tubaxes, que terán unhas dimensións máis amplas do habitual -400 milímetros de diámetro-.
Ademais, no contrato inclúese a renovación do sistema de recollida de pluviais ao longo do trazado da N-541 e, como mellora que poden ofertar as empresas licitantes, unha actuación na rede de abastecemento e completar o saneamento en todo o núcleo de Leirados, de forma que o servizo chegue ás vivendas máis illadas da estrada nacional.
O prazo de execución desta actuación é de nove meses, polo que o Concello espera que a finais de ano todo este ámbito territorial estea conectado á rede de saneamento.