Muro Violeta, un memorial para as vítimas da violencia de xénero

Pontevedra
23 de novembro 2025

A Casa Azul acolle unha homenaxe de 2.322 azulexos con nome e memoria, acompañado polo Camiño Violeta, no marco do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Muro Violeta ASAMPO

A Casa Azul, en Sor Lucía, no centro histórico de Pontevedra estreou este domingo o Muro Violeta, un espazo de homenaxe e conciencia dedicado ás vítimas da violencia de xénero.

Este mural componse de 2.322 azulexos, cada un co nome, idade, data e lugar onde mulleres foron asasinadas en España desde o ano 2000 até 2025.

A obra, elaborada polo esforzo de voluntariado da Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO), requiriu máis de 88 horas de traballo artesanal e profundo compromiso.

A inauguración oficial tivo lugar este domingo 23 de novembro, nunha xornada de portas abertas de 12:00 a 14:00 horas.

A acción convida á cidadanía a deterse, reflexionar e acompañar ás familias nun momento de recordo e reivindicación. "Porque os seus nomes non se esquecen. Porque seguimos construíndo memoria e conciencia", subliñan desde ASAMPO.

O día tamén veu marcado pola celebración do Camiño Violeta, unha marcha simbólica de 1,7 quilómetros adaptada a todo tipo de discapacidade, que percorreu o centro histórico durante 20 minutos para render tributo ás últimas corenta mulleres vítimas de violencia machista e vigaira no último ano.

Camiño VioletaPontevedraViva

Os sinais do camiño, frechas violetas, levaban inscritas, igual que o mural, os nomes e datos das mulleres homenaxeadas.

Ao finalizar o percorrido realizouse a lectura dun manifesto para sensibilizar á cidadanía.

A iniciativa, impulsada no contexto do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, quere chamar a atención sobre a dor en memoria activa e colectiva para facer fronte á violencia machista.