O Nadal é una época "para compartir" e esa é a filosofía que o Concello de Marín decidiu usar como lema para a programación deste ano.
A alcaldesa, María Ramallo, presentou a programación acompañada pola responsable da imaxe deste ano, a ilustradora Chus Rojo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos.
Durante a presentación, destacou que "os abrazos, os paseos da man vendo o alumeado, as colas para subir ao tren e ao carrusel, os risos dos máis pequenos coas actividades, as visitas máis esperadas de Papa Noel e os Reis Magos... Todo iso é o Nadal en Marín. Un Nadal para compartir e gozar no noso municipio".
Este Nadal en compañía inaugurarase formalmente o venres 5 de decembro, ás 18.00 horas, coa inauguración da Alameda do Nadal, o Tren e o Carrusel de Estrela de Marín e a Mostra de Artesanía de Galicia.
Ás 18.30 horas, chegará o momento de acender o alumeado de Nadal, nun evento no que a banda sonora vaina poñer a Batucada Axé Bahía. Ao rematar, servirase a tradicional chocolatada.
A programación será "completísima" e está pensada para os nenos e as nenas, "que para eles é o Nadal", pero tamén para a xente maior, que adoita usar elementos festivos como o tren, e tamén goza do comercio e a hostalaría nesta época.
Non faltarán algúns clásicos do Nadal de Marín, como os concertos e actuacións, que se trasladarán ao multiúsos porque o auditorio segue en obras. A alcaldesa avanzou que "está prácticamente finalizado pero estamos cos remates finais: suministros que se están instalando, a conexión eléctrica...".
Volverá a Marín a Gran Carpa de Engado Marín Infantil e Xuvenil do parque Eguren, que abrirán o 19 de decembro.
Os días 6 e 7 de decembro iniciarase a programación pensada para mocidade co Marín Gaming.
Non faltarán as Ludoxornadas, os concertos da Banda de Música e a Unidade de Música da Escola Naval Militar, os mercadiños de Nadal, as visitas de Papá Noel e os Reis Magos, a propia Cabalgata ou os bailes de fin de ano e aninovo.
A programación completa pode coñecerse en www.concellodemarin.es/nadalmarin e estará dispoñible en programas físicos a partir da próxima semana.