Desde a panorámica ata o cómic. Así os tres novos planos artísticos da cidade de Pontevedra. As súas creadoras son as ilustradoras Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Cheshire.
As tres protagonizarán unha exposición que abrirá as súas portas o próximo 5 de marzo, ás sete da tarde, na Casa das Campás e que recollerá todo o seu proceso creativo.
Todo este traballo é o resultado do proxecto ‘Pontevedra debuxada’, unha iniciativa que busca captar "miradas diferentes" sobre a cidade e repensar o espazo urbano dende a creatividade e a pausa, destacou a edil responsable da área de promoción da cidade, Anabel Gulías.
O obxectivo era interpretar o plano da cidade desde ópticas moi distintas, un reto asumido polas tres ilustradoras co apoio dos coordiandores desta idea, Taller Aberto e a Universidade de Vigo.
En concreto, Natalia Umpiérrez apostou por unha vista panorámica en lugar do rueiro típico.
A autora, nacida e criada en Pontevedra, destacou o desafío técnico de xogar coas perspectivas e proporcións para que o espazo fose recoñecible, combinando "investigación e creatividade".
Pola súa banda, Aida Alonso, que traballa coa técnica de recortes de papel, centrouse no vínculo afectivo que creou coa cidade durante a súa etapa de estudante de Belas Artes.
O seu mapa destaca non só lugares especiais, senón tamén a "habitantes da propia cidade" e personaxes con personalidade propia que lle chamaron a atención.
A terceira das autoras, Paula Cheshire, realizou unha mestura entre mapa e cómic (banda deseñada).
A ilustradora confesou a dificultade de orientarse xeograficamente, o que supliu contando unha historia persoal sobre os lugares onde se criou e os establecementos importantes para a súa familia.
Como punto común, as creadoras destacaron a reivindicación da arte feita por persoas, a "man humana, a intelixencia humana e a alma" e polas "cousas feitas dende o corazón" nestes tempos de auxe da intelixencia artificial.
A mostra que se abrirá o 5 de marzo incluirá tamén os resultados dos obradoiros realizados previamente con nenos e nenas, nos que a cativada creou as súas propias obras inspirándose no estilo destas tres autoras e retratándoas.
Os novos planos artísticos de Pontevedra estarán a disposición da veciñanza e dos visitantes na oficina de turismo da cidade, situada en Montero Ríos.