A subministración eléctrica volveu fallar este xoves na zona de Michelena, Riestra, Rosalía de Castro ou Raíña Vitoria. Despois de varios simulacros ao longo da mañá os microcortes deron paso a un apagón de máis de media hora, desde as 11.32 ata as 12.08 horas cando se empezou a recuperar o servizo nalgunhas zonas.
Esta incidencia afectou a 1.300 abonados, segundo o pouco que informou a distribuidora de enerxía da compañía Naturgy.
Unión Fenosa Distribución asegurara que "os plans de mantemento e os investimentos realizados nos últimos anos no concello de Pontevedra supuxeron unha mellora substancial da calidade de subministración eléctrica, situando actualmente á cidade entre as primeiras de España segundo a medición oficial que ten en conta o número de interrupcións, os clientes afectados e a duración dos mesmos".
Pola súa banda, entre outras accións, o Concello presentou unha reclamación ante Industria polas repetidas interrupcións na subministración.