Negocian crear unha Facultade de Enfermería con campus en Pontevedra, Vigo e Ourense

Pontevedra
26 de maio 2021

A Universidade de Vigo parece decidida a solucionar, dunha vez por todas, as disfuncións que se producen coas tres escolas de enfermería que hai no seu ámbito educativo. Están a negociar a creación dunha Facultade de Enfermería, segundo confirmaron os seus responsables

Escola de Enfermería de Pontevedra Mónica Patxot

A Universidade de Vigo parece decidida a solucionar, dunha vez por todas, as disfuncións que se producen coas tres escolas de enfermería que hai no seu ámbito educativo. Están a negociar a creación dunha Facultade de Enfermería, segundo confirmaron os seus responsables.

Esta nova facultade contaría con campus en Pontevedra, Vigo e Ourense.

Agruparía polo tanto as tres escolas universitarias públicas actuais existentes, ata o de agora centros adscritos á universidade. A de Pontevedra depende da Deputación e as de Vigo e Ourense, directamente do Servizo Galego de Saúde.

As negociacións, segundo o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, están bastante avanzadas, pero será difícil que poidan pecharse ata o próximo ano 2022.

"Unha vez teñamos o visto bo das consellarías, comezaríamos cos traballos para a creación da facultade", sinala o reitor, que avanzou que este futuro centro contará cun mestrado específico e un doutoramento únicos en Galicia para formar investigadores especializados.

MEDIACIÓN EN FISIOTERAPIA

A Universidade de Vigo tamén está a mediar no conflito aberto entre as facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte, a raíz do Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, que foi recorrido polo decano da outra facultade.

A respecto desta nova titulación, cuxa declaración de interese foi aprobada o pasado mes, Reigosa pedirá información a persoas expertas alleas á universidade, xa que calquera decisión "terá que estar fundamentada con razóns xurídicas".

Sobre ás negociacións para a definición do novo plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia, o reitor recoñeceu que este é un "momento clave" para o futuro desenvolvemento do sistema universitario "e polo tanto tamén do campus de Pontevedra".

Así, Manuel Reigosa amosou o seu desexo que no novo mapa de titulacións poidan estar a "meirande parte" dos novos títulos propostos pola Universidade de Vigo.