Ninguén pagará ningún imposto, taxa ou prezo público, segundo Lores, durante o estado de alarma

Pontevedra
24 de abril 2020

A este respecto, o alcalde indicou que o goberno municipal aprobará unha redución "substancial" da taxa que os hostaleiros pagan polas terrazas que os seus locais teñen no espazo público da cidade para compensar a súa falta de actividade

Entrada ás dependencias do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Entrada ás dependencias do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

Na actual situación de estado de alarma, dure o tempo que dure, ningún cidadán deberá abonar impostos municipais, taxas ou prezos públicos. Todos eles quedaron "aprazados", segundo avanzou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O Concello xa adoptara a decisión de aplazar, entre outros, a cobranza do primeiro bimestre do recibo de auga e lixos, da viñeta do coche ou das taxas de venda ambulante, mercados e terrazas e veladores.

Serán, en todo caso, aqueles pagos que afectan á maior parte da poboación. Manteríanse os pagos, entre outros, nas licenzas urbanísticas ou impostos como o ICIO, que grava a actividade de construción e obras.

Fernández Lores garantiu que "sempre que sexa factible e legal" o Concello traballará para "minorar" os custos da vida para as persoas que están a pasar, nesta crise sanitaria, por "situación complicadas".

A este respecto, o alcalde indicou que o goberno municipal aprobará unha redución "substancial" da taxa que os hostaleiros pagan polas terrazas que os seus locais teñen no espazo público da cidade para compensar a súa falta de actividade.

O rexedor pontevedrés destacou ademais o "resaltable" traballo que están a realizar os servizos económicos do Concello que, nas últimas semanas, autorizaron o pago de 9 millóns de euros a provedores, diñeiro "imprescindible" para moitas empresas. Ademais, xa se tramitaron proxectos por outros 11 millóns para "o día despois" do coronavirus.

Ese futuro, segundo Lores, "nos preocupa" desde o punto de vista social e económico, ao entender que "non está claro", a pesar de que existe un acordo nese sentido, que os concellos poidan destinar os seus remanentes e superávits a reactivar a economía.

Nesta situación, en todo caso, o alcalde defendeu que o Concello "está facendo o que temos que facer" para afrontar esta pandemia, en coordinación "indiscutible e necesaria" coas autoridades competentes.