Ningún positivo en Caldas de Reis na primeira xornada de cribado

Umia
11 de febreiro 2021

Este xoves Caldas de Reis afrontaba a terceira xornada de cribado poboacional con test rápidos de antíxenos coa boa nova da chegada dos resultados do primeiro día das probas cun balance de cero positivos

Cribado Sergas

Este xoves Caldas de Reis afrontaba a terceira xornada de cribado poboacional con test rápidos de antíxenos coa boa nova da chegada dos resultados do primeiro día das probas cun balance de cero positivos.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, valoraron este xoves moi positivamente o desenvolvemento do proceso de cribado en Caldas e a funcionalidade das instalacións do novo edificio de usos múltiples municipal, que é onde se está a levar a cabo este proceso.

Desde o Concello destácase a gran colaboración cidadá, superando máis do 70% do milleiro de persoas convocadas cada día, unha das participacións máis altas nesta área territorial. As probas están destinadas á veciñanza de entre 30 e 64 anos co obxectivo de detectar o maior número posible de portadores asintomáticos e contribuír a unha redución da cifra de contaxios de COVID-19 nesta localidade.

O alcalde quixo agradecer publicamente o traballo do persoal do Sergas e a colaboración da veciñanza, e anima ás persoas convocadas ata o venres 12 de febreiro, o último día deste programa de cribado en Caldas de Reis, a que sigan asistindo a estas probas para colaborar na contención da pandemia.

A Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil seguen a prestar os seus servizos para facilitar o acceso ás instalacións municipais.