"Agora mesmo, é unha calma tensa", recoñecía sobre as 23.00 horas o alcalde de Vilaboa, César Poza, resumindo a situación que compartiron durante toda a noite os veciños dos núcleos de Vilar e Paradellas.
Tras pasar toda a tarde e a noite na zona afectada polo incendio iniciado ás 16.37 horas en Santa Cristina de Cobres, a esa hora consideraba que a situación se daba por "controlada" na contorna das casas, pero había que seguir en alerta.
Segundo o parte oficial da Consellería do Medio Rural, ata as 9.00 horas da mañá deste venres, o lume arrasou unha superficie de ao redor de 50 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de maneira acumulada, ata as 9 da mañá, 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 8 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O lume ameazou primeiro o núcleo de casas do lugar de Vilar, obrigando a Medio Rural a declarar a situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ás vivendas e activando os protocolos de protección á ciudadania. Logo, co avance da tarde, achegaríase tamén a varias vivendas de Paradellas.
En total, segundo o 112 Galicia, este lume obrigou ao desaloxo de catro casas e 14 persoas en Paradellas, veciños e veciñas de catro chalés que se viron asesiados polo lume durante varias horas, coas chamas a escasos metros, e de varias vivendas situadas pobo debaixo.
O incendio supuxo un amplo despregamento de medios de extincion tanto terrestres como aéreos. Primeiro despregáronse en Vilar e, cando o lume se achegou a Paradellas, os primeiros en chegar foron os veciños. Logo foron despregándose efectivos de Protección Civil de Pontevedra e Moaña e finalmente os bombeiros de Pontevedra e Ou Morrazo e os axentes forestais e bombeiros da Xunta.
A ameaza, segundo César Poza, reduciuse "grazas aos veciños que estiveron aí traballando e púidose controlar". En todo caso, aínda que preto da medianoite falaba de control, tamén insistía en que "isto non é unha ciencia exacta, por desgraza".
En declaracións a PontevedraViva en Paradellas, Poza xa avisaba: "no momento en que un cambio de vento levante máis aire, podemos estar nunha situación complicada, porque non deixamos de ter unha contorna de núcleos preto".
Os veciños e veciñas foron desaloxados por precaución e, dado que durante toda a tarde estivo cortado a subministración eléctrica, Protección Civil e o Concello puxéronse en contacto con toda a poboación que podería estar nunha situación complicada para ofrecer axuda. É o caso, por exemplo, dunha persoa maior que precisa un respirador eléctrico, á que ofreceron baterías e colaboración.
A luz cortouse para as tarefas de extinción mentres estiveron a traballar os medios aéreos. Unha vez que chegou a noite e os helicópteros e hidroavións tiveron que abandonar os traballos, recuperouse o sumnistro.
Xabier foi un dos veciños que axudou a salvar o núcelo de Paradellas. Vive a uns 800 metros do lugar no que o lume se achegou a catro chalés e ao sete da tarde acudiu con varios veciños e non dubidou en penetrarse no monte para salvar as casas.
Colleron auga da piscina dunha vivenda que estaba buxán neses momentos ata que a bomba quedou sen gasolina e, unha vez controlado o lume, foron buscar combustible para seguir traballando e mollar a contorna coa esperanza de "a ver si queda controlado".
O vento axudoulles, pois sopraba en sentido contrario ás casas e metía o lume na zona forestal. Como o alcalde, tamén os veciños temían un cambio de vento que provocase "un problema serio".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.