A borrasca Leonardo continúa a influír nas condicións meteorolóxicas de Galicia, mantendo as Rías Baixas baixo unha situación de inestabilidade atmosférica.
Durante a madrugada deste venres, arredor das 03:00 horas, rexistráronse treboadas intensas, con descargas eléctricas que afectaron a diversos puntos, incluída a cidade de Pontevedra e un trono provocou un forte estrondo que espertou a boa parte da poboación.
Como consecuencia da precipitación acumulada, a Dirección Xeral de Tráfico procedeu ao peche da autovía PO-11, que une Pontevedra e Marín, durante a madrugada.
Esta é a quinta xornada consecutiva na que se rexistra o corte desta vía por mor da presenza de balsas de auga.
Ademais, continúan suspendidos, por tempo indefinido, os servizos ferroviarios que unen Santiago e Vigo, afectando ás estacións de Pontevedra e Vilagarcía.
Os cadros eléctricos tamén se están a ver afectados pola treboada provocando avarías na rúa Michelena. Segundo a información municipal, quedou danada a centraliña da Policía Local. O edificio de Michelena 30 do Concello de Pontevedra foi recuperando a luz ao longo das primeiras horas da mañá.
Tamén quedaba afectada a zona de Campolongo con cortes de luz debido aos danos que se rexistraban no transformador situado nas inmediacións do edificio da Xunta de Galicia.
Como consecuencia dos lóstregos tamén se rexistrou un apaguemento durante uns minutos na iluminación pública na rúa Eduardo Pondal arredor das 07.40 horas.
Nas últimas horas, tamén se detectaron incidencias en puntos como o Mercado de Abastos de Pontevedra con filtracións de auga no interior.
Segundo os datos de MeteoGalicia, este venres os ceos permanecerán nubrados, con chuvascos localmente fortes na metade sur e oeste de Galicia, que poderán ir acompañados de sarabia e actividade eléctrica.
Estímase unha acumulación de precipitación de entre 40 e 60 mm en 12 horas no interior das provincias de Pontevedra e Ourense. No litoral, agárdanse ondas de entre 4 e 7 metros. As temperaturas nas Rías Baixas oscilarán entre os 8 e os 14 graos.
Para o sábado día 7, a influencia das baixas presións manterase. Agárdanse ceos nubrados con chuvascos illados na metade sur que se intensificarán co paso das horas.
O vento soprará do sur frouxo en xeral, moderado no litoral, virando a norte-nordés pola tarde. Os valores térmicos manteranse sen cambios significativos, entre 6 e 14 graos.
O domingo, a situación meteorolóxica estará marcada pola entrada dunha fronte nas últimas horas do día. Prevese ceos nubrados con chuvascos ocasionais na metade oeste durante a mañá, intensificándose na franxa atlántica de cara á noite.
As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, manténdose as máximas sen cambios, cun rango entre 4 e 14 graos. O vento será do sur-suroeste moderado, con intervalos fortes no litoral ao final da xornada.
A predicción para a vindeira semana indica a persistencia da influencia das baixas presións nas proximidades da Península Ibérica. Existe unha probabilidade do 90% de precipitacións ata o venres día 13 nas Rías Baixas. As temperaturas presentarán pouca oscilación, con valores máximos baixos para a época do ano.