Novas pasarelas seguras e resistentes substitúen ás antigas nos roteiros da Ostreira e Muíños de Samieira

Poio
23 de decembro 2025
Actualizado: 19:12

A actuación contou cun investimento de preto de 20.000 euros, e permitiu renovar por completo unhas pasarelas que se atopaban en mal estado

Nova ponte no roteiro da Ostreira Concello de Poio

Xa foron substituidas as pontes situadas na ruta da Ostreira, á altura da Reiboa, e nos Muíños de Samieira.

O Concello de Poio acometeu esta actuación destinada a garantir a seguridade das persoas usuarias que practicamente a diario transitan por estes itinerarios.

A actuación contou cun investimento de preto de 20.000 euros, e permitiu renovar por completo unhas pasarelas que se atopaban en mal estado e que supoñían un risco para a seguridade, debido ao desgaste do paso do tempo e ás condicións ambientais.

Os traballos incluíron a demolición e retirada das antigas táboas, varandas e vigas de madeira deterioradas, así como a instalación dunha nova ponte horizontal formada por táboas estriadas anti escorregantes.

As novas estruturas foron realizadas en madeira de pino vermello tratada en autoclave con sales metálicas, cumprindo a normativa vixente para o seu uso permanente en espazos expostos ao sol e á auga.

Ademais, instalouse unha nova varanda de madeira, incrementando así a seguridade e a comodidade das persoas que percorren estas zonas. 

O alcalde Ángel Moldes, que comprobou o resultado das obras, salienta que un dos grandes atractivos de Poio é o seu extenso litoral e a súa riqueza paisaxística, e son moitos os veciños e visitantes que percorren a pé as sendas litorais deseñadas para descubrir a riqueza natural do municipio, polo que resulta fundamental garantir o seu mantemento a, con elo, a seguridade.

Neste senso, cómpre recordar que estas dúas rutas contan coa distinción Sendero Azul 2025, un recoñecemento que avala a súa calidade medioambiental, seguridade e valor turístico. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora