Novas pintadas en verde, cunha diana e a advertencia 'Atenta' ameazan a Carme da Silva e o BNG

Pontevedra
16 de abril 2019

Carme da Silva compareceu este martes ante os medios de comunicación ao pé das pintadas para condenalas e sinalar a quen considera, polo contido das mensaxes, que son os responsables: "esta mafia, estes esbirros de Ence e esta dereita que opera en Galicia". Pide unha investigación de oficio

Carme da Silva condena as pintadas ameazantes aparecidas no seu domicilio / BNG

As pintadas ameazantes que apareceron o pasado mes de marzo fronte ao edificio da concelleira pontevedresa e cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva, tiveron unha segunda entrega. Este martes apareceron novas mensaxes pintadas en cor verde na parede situada fronte á súa casa na rúa Ponte Boleira. Ao nome da política nacionalista sobre unha diana realizado hai un mes engadiron agora unha nova diana coa mensaxe "Atenta" e un lazo de cor verde debaixo. 

Ademais, a poucos metros, na estrada, engadiron outra nova pintada cos mensaxe "BNG Fora" e a mesma diana e o mesmo lazo. Precisamente, eses dous símbolos son os mesmos que apareceron nos últimos días xunto á sede do PSOE e os carteis electorais de Pedro Sánchez, aínda que, no seu caso, os lazos engaden a mensaxe de 'Ence'. Ese símbolo están a utilizalo os traballadores de Ence como "lazo solidario" en defensa da permanencia da fábrica de Ence en Lourizán.

Carme da Silva compareceu este martes ante os medios de comunicación ao pé das pintadas para condenalas e sinalar a quen considera, polo contido das mensaxes, que son os responsables:"Esta mafia, estes esbirros de Ence e esta dereita que opera en Galicia, chámese como se chame, nas súas facetas variadas e nas súas representacións políticas variadas".

Na súa opinión, as pintadas teñen unha finalidade claramente electoral, pois as primeiras apareceron no momento en que se fixo público que era candidata do BNG ao Congreso e as segundas co inicio da campaña electoral. Consideran que se dirixen a ela e eal BNG porque "ten perfectamente claro quen é o seu inimigo político" e tamén que "non queren que o BNG teñan representación nas cortes do Estado"

Ante as ameazas tamén quere deixar moi claro que non os amedentran. "Que teñan moi claro que isto non nos arruga, que nós non nos imos arrugar, que temos  claro que Galicia ten que ter presenza forte nas cortes do estado precisamente porque é o BNG quen garante que comportamentos destes se paren", indican.

A cabeza de lista do BNG para as próximas eleccións xerais do 28 de marzo tamén quixo condenar as pintadas realizadas en contra do PSOE:"obviamente, condeno calquera pintada ameazante que apareza a calquera forza política ou a calquera persoa". Ademais, pide ás autoridades que investiguen quen son os autores. 

Aínda que teñen moi claros os fins electorais, desde o BNG descartan acudir á Xunta Electoral, como anunciou o PSOE que fará, pois "a xunta electoral entende de cuestións electorais, isto é moitísimo máis grave". Aínda que coincide con campaña e ten obxectivo electoral, considera que "o Estado ten instrumentos para investigar este tipo de cousas máis alá da Xunta Electoral" e que os feitos teñen a gravidade suficiente para que sexa a Fiscalía a que investigue

Carme da Silva, que compareceu acompañada polos concelleiros do BNG Anabel Gulías e Demetrio Gómez, explicou que en marzo nin denunciaron e non teñen pensado facelo agora, pois consideran que que aquí hai que actuar de oficio "porque é algo que é público, está na vía publica, non espazo público".

Arquivado en