A ponte medieval de Ponte Sampaio estrea a súa nova iluminación ornamental

Pontevedra
16 de decembro 2025

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, foi a encargada de inaugurar esta intervención que mellora a seguridade da infraestrutura e realza a súa vistosidade

Autoridades na inauguración do novo alumeado da ponte medieval de Ponte Sampaio Concello de Pontevedra

A ponte medieval de Ponte Sampaio, que une os concellos de Pontevedra e Soutomaior a través da estrada autonómica PO-264, loce un novo e espectacular alumeado.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presidiu a estrea deste sistema lumínico, que busca realzar a beleza histórica da infraestrutura e reforzar a seguridade viaria na súa contorna.

Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, destacou que este novo sistema, composto por máis de medio cento de luces LED, esténdese polo peitoril e o exterior da ponte.

Con esta fórmula renóvase o aspecto e mellórase a seguridade tanto para peóns como para condutores.

Instaláronse 20 luminarias LED nos tallamares, encaixadas no peitoril de pedra, e 36 proxectores LED para a iluminación ornamental.

Autoridades na inauguración do novo alumeado da ponte medieval de Ponte SampaioXunta de Galicia

Esta modernización lumínica enmárcase nunha obra de posta en valor da ponte que está a acometer a Xunta de Galicia, mobilizando un investimento que rolda os 500.000 euros.

Ao acto tamén asistían Miguel Anxo Fernández Lores e Manu Lourenzo, alcaldes de Pontevedra e Soutomaior, ademais do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

A intervención integral, cuxo remate se prevé para a vindeira primavera, inclúe labores de conservación, a limpeza dos paramentos exteriores da ponte, a renovación de pavimentos, a substitución dunha varanda e a creación de novas zonas axardinadas.

A conselleira fixo fincapé na importancia estratéxica desta actuación sobre un lugar de paso crucial para a veciñanza, pero tamén para os milleiros de peregrinos que cada ano cruzan a Ponte Sampaio no seu camiño cara a Santiago, seguindo a ruta portuguesa.

Allegue subliñou que "tanto o alumeado, en concreto, como a intervención en xeral foron deseñados coa máxima exixencia e coidado e co selo de 'Galicia Calidade'".

Os traballos avanzan a bo ritmo, e actualmente restan por executar o adoquinado, a colocación de lousas nun dos lados da ponte e o aglomerado dun tramo da travesía na zona de Pontevedra.