O inspector xefe Javier de Santiago Laguillo tomou posesión este mércores como novo responsable da comisaría da Policía Nacional en Vilagarcía de Arousa. Fíxoo enviando unha mensaxe clara aos clans da droga que operan na zona.
"Non imos permitir que estas redes delituosas atopen no noso entorno un espazo cómodo para operar", sinalou De Santiago, que se comprometeu a reforzar a loita contra as redes de crime organizado, un asunto "especialmente sensible" en Arousa.
Engadiu que a Policía Nacional combaterá "con todos os medios dispoñibles" ás persoas que "poñen en perigo" a saúde pública dos cidadáns e, especialmente, a "integridade" dos mozos, para o cal fortalecerá a cooperación entre forzas e corpos de seguridade.
Na súa toma de posesión, que estivo presidida polo xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Pedro Jesús Pacheco, o novo xefe da comisaría de Vilagarcía subliñou que outro dos seus compromisos será aumentar a presenza policial en lugares "sensibles" do municipio.
"Unha policía eficaz non é só a que actúa cando se comete un delito, senón a que sabe anticiparse a el", sinalou Javier de Santiago, decidido a aumentar a confianza dos cidadáns "estando presentes, sendo accesibles e actuando con integridade".
Entre os seus retos tamén estarán, segundo citou na súa intervención, garantir a protección aos colectivos máis vulnerables, entre eles as mulleres vítimas de violencia machista, as persoas maiores, os menores de idade ou o colectivo inmigrante.
O inspector xefe sostivo que as vítimas "deben saber que non están soas" e, ao mesmo tempo, os agresores teñen que ser conscientes de que a comisaría "non lles dará tregua".
A todo este traballo para contribuír a unha cidade "máis segura", De Santiago sumou a necesidade de "modernizar" o corpo ou de reforzar a formación dos axentes fronte ás novas modalidades de delincuencia ou ao auxe da intelixencia artificial.
Antes desta intervención tomou a palabra o comisario provincial, Juan José Díaz, que encomiou o traballo previo realizado polo novo responsable policial en Vilagarcía dirixindo, entre outras, as brigadas de seguridade cidadá e da policía xudicial de Pontevedra.
"Estou convencido de que o seu traballo redundará na imaxe e prestixio da Policía Nacional", sostivo Díaz, reforzando a Vilagarcía como un enclave "seguro" para a cidadanía..
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, destacou pola súa banda que Vilagarcía é un lugar "no que a tranquilidade e a seguridade é a norma", do mesmo xeito que no resto da provincia, a pesar de que haxa quen traslade mensaxes "afastadas da realidade" por interese político.
Con respecto a Arousa, apelou á necesidade de que o narcotráfico "non monopolice o relato" porque é unha actividade "que non define a unha cidade que é moito máis que iso", ao definila como unha urbe "de convivencia e grandes valores".