Novo convenio para as prácticas no Centro de Día da Casa do Mar de Marín

Marín
29 de maio 2025
Actualizado: 17:47

Estas prácticas de carácter non laboral serven para completar a súa formación na especialidade de Atención Sociosanitaria

Perfecto Rodríguez e María Ramallo Concello de Marín

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa, María Ramallo, asinaron este xoves o convenio de colaboración para que o alumnado do obradoiro de emprego municipal da especialidade de Atención Sociosanitaria poida realizar as súas prácticas no centro de día da Xunta de Galicia.

Unha acción esencial para contribuír á formación do alumnado no sector dos coidados.

Durante o tempo que duren as prácticas non laborais os alumnos ocuparanse de planificar tarefas para actividades de apoio aos usuarios do centro de día, realizarán intervencións de carácter psico-social baixo a orientación técnica dos profesionais do centro e levarán a cabo actividades relacionadas coa súa integración na comunidade, entre outros labores propias do funcionamento diario do centro.

Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio ten asinados con outros concellos acordos como o subscrito este xoves con Marín que permiten aos alumnos ampliar os seus coñecementos e desenvolver as súas primeiras experiencias laborais nun centro de maiores. Ademais, coa vantaxe de que poden facelo preto do lugar no que residen, sen necesidade de desprazarse longas distancias.

"Con esta aposta, estamos conseguindo un doble beneficio: aportar novas profesionais a un centro asistencial tan importante para Marín como é o seu Centro de Día público, así como fomentar a futura empregabilidade das mulleres que participan no PIE, dándolles experiencia curricular nun ámbito laboral", explicou a rexedora, María Ramallo.

O Centro de Día, que leva en torno a un ano e medio en funcionamento, conta nestes momentos con todas as súas prazas ocupadas, unhas 20, e está a ser un referente na atención asistencial das persoas usuarias e as súas familias, que teñen neste recurso público un gran apoio no coidado das persoas dependentes.

O obxectivo futuro, tal e como indicou a alcaldesa, é poder ampliar o número de prazas deste recurso e, como xa se adiantou esta pasada fin de semana, seguir traballando para identificar un terreno adecuado que poida ser cedido á Xunta de Galicia para a construción dunha nova residencia de maiores.

"Somos conscientes que a asistencia á vellez, cada vez máis, é unha prioridade absoluta. Cada vez vivimos máis e precisamos recursos que respondan ás necesidades da cidadanía máis lonxeva e, especialmente, daquela que ten necesidades de atención específicas por ser dependentes", finalizou Ramallo.