Novo enredo político arredor das obras en Santa Clara

Pontevedra
24 de febreiro 2026
Actualizado: 16:08

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, critica o "silencio absoluto" da Deputación tras un ano sen noticias do proxecto. Rafa Domínguez ve nestas palabras un "novo ataque" do goberno local

Visita aos achados das excavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara Mónica Patxot

A rehabilitación do antigo convento de Santa Clara, un dos proxectos patrimoniais máis ambiciosos de Pontevedra, atópase en medio dun novo enfrontamento administrativo.

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, compareceu este martes en rolda de prensa para denunciar o que cualificou como unha "deixación de funcións" por parte da Deputación de Pontevedra, á que acusa de manter o recinto paralizado e sen avances reais dende hai case tres anos.

O detonante deste novo malestar municipal foi a recepción, o pasado 13 de febreiro, dunha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para realizar escavacións arqueolóxicas no convento.

Segundo Oubiña, esta documentación revela unha desconexión total entre administracións: mentres a Xunta autoriza as catas, a Deputación, que promove a obra, non presentou ningunha solicitude de licenza ante o Concello para executar eses traballos.

A cronoloxía do conflito remóntase a 2024, cando a Deputación presentou unha solicitude de licenza para a rehabilitación e ampliación do conxunto conventual co fin de incorporalo ao Museo de Pontevedra.

Os informes técnicos municipais advertiron de que a documentación estaba incompleta e carecía, entre outros aspectos fundamentais, do estudo arqueolóxico preceptivo, segundo Oubiña.

"O 21 de febreiro de 2025 remitimos os informes e ofrecimos unha xuntanza para traballar man a man. Un ano despois, a resposta da Deputación é o silencio absoluto, un 'cri-cri-cri' que nos preocupa moito", ironizou o concelleiro.

Oubiña lamentou que, malia a importancia histórica do ben, o goberno provincial que dirixe Luis López "non moveu ficha" para emendar os erros do proxecto orixinal.

Ante esta situación, o Concello activou un procedemento regulado para tratar de desencallar o expediente. A administración local enviará un oficio á Deputación outorgándolle un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación pendente e solicitar formalmente a licenza para as novas catas arqueolóxicas autorizadas pola Xunta.

Aínda que a normativa permitiría declarar a caducidade do procedemento e arquivar a solicitude de rehabilitación tras tres meses de inactividade, Oubiña aclarou que o Concello non actuará de oficio por "lealdade administrativa".

Alberto Oubiña, concelleiro de UrbanismoConcello de Pontevedra

O concelleiro tamén se amosou crítico co anuncio de novas visitas públicas ao recinto. "Despois de tres anos co convento pechado a cal e canto, que agora se anuncie como un fito abrir as portas para visitas sona a risa", sinalou, lembrando que o Concello xa realizara estas actividades antes de transferir a xestión á Deputación.

Para o goberno local, a prioridade absoluta debería ser que Santa Clara estivera xa "en obras".

RESPOSTA DE RAFA DOMÍNGUEZ

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación respondeu, aos poucos minutos das declaracións de Alberto Oubiña, para defender a solvencia técnica da institución provincial e criticar a parálise urbanística que sofre o Concello de Pontevedra

Cualificou as palabras de Alberto Oubiña como un "novo ataque" do goberno de Miguel Anxo Fernández Lores a un proxecto que, ao seu xuízo, debería contar coa unión de ambas administracións.

Domínguez amosouse desconcertado polas contradicións municipais: "Un día din que non pedimos licenza e ao seguinte que a licenza vai caducar; o que din non ten moito sentido".

Fronte ás acusacións de parálise, o vicepresidente defendeu os avances realizados pola Deputación, destacando que xa se conseguiron os permisos de Patrimonio e que o proxecto de obras foi adxudicado por un importe de 1,7 millóns de euros.

Rafa Domínguez, vicepresidente provincial, no convento de Santa ClaraMónica Patxot - Arquivo

Confirmou tamén que o inicio dos estudos arqueolóxicos e o programa de visitas ao convento son inminentes. "Decenas de funcionarios, arquitectos, xuristas e técnicos de contratación, saben perfectamente o que fan; é unha mágoa que Lores intente utilizar isto por interese electoral", sinalou.

Domínguez aproveitou a súa intervención para cargar contra a xestión da área de Urbanismo que dirixe Oubiña, sinalando que o "nerviosismo" do BNG responde á súa propia incapacidade para xestionar a cidade.

"Pontevedra non ten Plan Xeral, o prezo dos pisos dispárase e as licenzas municipais tardan dous ou tres anos en concederse", denunciou o líder popular, quen concluíu asegurando que seguirá traballando polo proxecto de Santa Clara sen que o "ruído" do Concello o distraia.

TRÁMITES

Segundo o Concello de Pontevedra, o groso do expediente administrativo do convento está marcado por documentación incompleta e prazos sen resposta:

  • Xullo 2024: A Deputación inicia o expediente, pero o Concello advirte de que a documentación é errada.

  • Outubro 2024: Realízanse desde o Concello correccións parciais en dúas entregas.

  • Novembro 2024: O Concello sinala que o proxecto segue incompleto.

Faltan dous puntos clave:

  1. O proxecto de escavacións manuais (autorizado pola Xunta pero non presentado no Concello).

  2. A designación dun director/a de obra.

  • 25 Novembro 2024: A Deputación alega que non pode nomear dirección de obra por estar pendente de licitación.

  • 20 Febreiro 2025: O Concello remite novos informes técnicos e ofrece colaboración directa. Dende entón, non hai máis comunicación, segundo as fontes municipais.

O traballo arqueolóxico, imprescindible para o proxecto definitivo, presenta esta cronoloxía:

1ª Fase (Escavacións manuais)

  • Decembro 2024: O Concello autoriza os traballos. A Deputación aínda non presentou a resolución nin o informe final destes traballos, segundo o Concello.

2ª Fase (Novas sondaxes)

  • 13 Febreiro 2026: A Xunta envía ao Concello a autorización para esta fase.

  • 24 Febreiro 2026: A Deputación aínda non solicitou a licenza municipal para poder comezar estes novos traballos.

Malia ser un espazo protexido e catalogado, o Concello de Pontevedra pon o foco en dous incumprimentos potenciais ao carecer de información:

Talla de árbores: Non consta ningunha comunicación nin permiso municipal para realizar a retirada de árbores no recinto de Santa Clara.

Non se pode avanzar na licenza de rehabilitación sen que a Deputación presente os resultados arqueolóxicos, xa que poderían obrigar a modificar o deseño orixinal.

VERSIÓN DA DEPUTACIÓN

Desde a Deputación de Pontevedra sinalan que:

  1. O Concello notifica un informe favorable respecto da documentación presentada na parte correspondente a Viaqua. Este aspecto non afecta ao procedemento en curso e será trasladado ao equipo redactor (Nieto Sobejano).

  2. En canto aos requirimentos formulados:

• Memoria valorativa das catas en Santa Clara: Foi presentada no Concello o 30 de abril de 2025. Dispoñemos do xustificante de rexistro.

Reunión técnica solicitada: Si se celebrou. Tivo lugar o 2 de xuño de 2025, por parte do equipo de Arquitectura da Deputación.

Solicitude de licenza para sondaxes arqueolóxicas: Xa estamos tramitando o pago da autoliquidación correspondente. A solicitude formal presentarase a próxima semana, tal e como estaba previsto.

Documentación completa para a licenza de obra: Expoñen que neste momento resulta materialmente imposible achegar o proxecto de execución finalizado, dado que este non pode pecharse ata que conclúan as sondaxes arqueolóxicas.

Desde a institución provincial indican que xa se trasladou esta situación ao equipo técnico e estase a preparar un escrito de resposta formal ao requirimento.